A concellería de Cultura de Teo, dirixida por Carme Hermida, ultima este días os detalles do IV Mes do teatro que se desenvolverá durante o mes de outubro. Volve a apostar por unha programación continuada e variada de funcións teatrais. Este é o cuarto ano consecutivo que se realiza o Mes do teatro e nas anteriores edicións a resposta do público foi moi positiva. As actuacións serán todas no salón de actos do Centro Sociocultural da Ramallosa, o local máis axeitado pola súa capacidade e escenario para este tipo de eventos. Outra das características desta cita co teatro é que a programación busca a variedade e hai obras para un público familiar e outras funcións só para adultos.Este mesmo sábado comeza a programación desta actividade coa obra “Pes de lan” da compañía do mesmo nome, ás 18:30 horas. Trátase dunha obra dirixida a un público familiar.

Andaravía Teatro en Bos Aires
O venres 7 de outubro a compañía Andaravía Teatro, do veciño Concello de Vedra, presenta a obra “A cantante calva”. Trátase dunha peza dirixida a un público adulto polo que a actuación comezará ás 21:00 horas.
O venres 14 será outra vez o momento dos máis pequenos, que poderán desfrutar de “Vaia tormenta” de Sapristri Teatro. Tendo en conta que o público desta función é familiar a hora á que comeza é as 18:30. O venres 21 Panamesiano Teatro ofrece a peza “Oh, que bonito é Panamá”, tamén para un público familiar, a partir das 18:30
horas.
O IV Mes do teatro pecha este ano o venres 28 ás 21:00 horas coa obra “O gordo e o calvo van ó médico” da compañía Os 7 magníficos + 1, esta vez destinada a un público adulto.