Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for Abril 2020

A continuación imos comentar un pouco as actividades que teremos nesta Semana do Libro. Agardamos que sexan interesantes para vós e axuden a levar un pouco este mellor este confinamento:

ESCOITANDO LIBROS

Trátase dunha selección feita pola Bibliotecas Municipais de Teo de recursos en liña para poder escoitar audiolibros de balde. O audiolibro pode definirse como, en principio, a conversión dun libro en papel en formato de audio. esta definición queda un pouco curta, xa que unha das características principais deste cambio de formato é que quen narra non se limita a unha lectura lineal do texto e debe imprimir emocións á voz narradora polo que os ointes adquiren niveis de realismo e de emocións que superan a velos, por exemplo, os representados nunha pantalla. Tamén resulta de moita utilidade a persoas con dificultades co idioma, con problemas de aprendizaxe ou de comprensión lectora…. permitindo unha accesibilidade ás obras literarias que doutro xeito terían máis complicado. Tamén inclúe algúns formatos que, sen ser estrictamente audiolibros, están moi preto (por exemplo ficcións sonoras, nas que un cadro de actores a actrices interpretan un texto solo coa voz e recursos sonoros).

XOGO DA BATALLA: ¿QUE SABES DA BATALLA DE CACHEIRAS?

Xogo creado pola Aula de Informática do Concello de Teo para poñer a proba os vosos coñecementos sobre a Batalla de Cacheiras que conmemoramos na mesma data que o Día do Libro.

Podes acceder aquí 

SORTEO “CAL É O TEU LIBRO FAVORITO?”

Este sorteo farase toda a semana en colaboración coas librerías teenses a través da páxina de Facebook das Bibliotecas Municipais de Teo. Consiste en que cada persoa, familia ou neno ou nena a través da publicación “¿Cal é o teu libro favorito?” dean me gusta e o mesmo tempo escriban o nome do seu libro favorito cun pequeno comentario. Para poder participar tedes que ser veciños de Teo con residencia no Concello. Temos 12 libros a repartir (1 por participante) .Cando remate a semana, se hai máis participantes que libros farase o sorteo a través dunha ferramenta online de xeito trasparente, aleatorio e automático.Unha vez teñamos os gañadores, faremoslle chegar os libros á casa. Anímate a participar porque os libros están agardando polos seus gañadores para chegar nesta época do confinamento directamente das librerías participantes ás vosas casas.

Cal é o teu libro favorito?

CONTACONTOS FAMILIAR CON LOLA E NEREA (20 DE ABRIL)

Para abrir a Semana do Libro en Teo (“Un libro: unha aperta”), Lola e Nerea contan un dos primeiros contos nos que colaboraron . Lola é unha mamá veciña de Balcaide, que xunto coa súa filla teñen un proxecto de libros infantís e contacontos cunha forte mistura de contido didáctico e lúdico (algúns deles foron autoeditados para seren empregados como material na clase de infantil de Nerea) . Un dos seus contos foi presentado nun libro colectivo en Aveiro (Portugal).
Tamén colaboran nun proxecto de Xavier Frías Conde para recadar fondos mediante un libro solidario (O canto da coruja) para a Casa Búho de Manabí (Ecuador) para converter un contenedor en biblioteca e sala de cinema para os cativos da zona e, ademais, teñen publicados varios microrrelatos no blog do escritor que podedes consultar en https://cantaelbuho.blogspot.com/2020/03/seis-microcuentos.html.
Lola comezou a escribir e ilustrarlle os contos a Nerea cando aínda era moi pequena para fomentarlle o gusto pola lectura e que lle servisen, ao mesmo tempo, para a súa formación. En pouco tempo, a cativa comezou a colaborar no proxecto coas súas suxestións, ideas e correccións primeiro, e máis adiante, dunha forma más activa na creación a catro mans dos textos coas súa nai que segue ilustrando.

OBRADOIRO DE MARCAPÁXINAS CON DAVID ORIHUELA (21 DE ABRIL)

Vídeo tutorial a cargo do artista plástico David Orihuela. Explicará como crear un marcapáxinas, sinalador, punto de lectura ou separador para os más pequenos que nos servirá para manter o punto exacto onde queda detida temporalmente a lectura dun libro e así poder voltar con facilidade. Empregará materiais moi sinxelos e que as familias poden ter pola casa.

LECTURA DRAMATIZADA DE MARINA NIETO (22 DE ABRIL)

Marina Nieto, de Palabras Viva fará a lectura de “Conto de María”, relato pertencente a Xente no rodicio , escrito por Neira Vilas.

POSTA EN LIÑA DO LIBRO CONMEMORATIVO DO 170 ANIVERSARIO DA BATALLA DE CACHEIRAS (23 DE ABRIL)

Co gallo da celebración do Día do Libro e do Día da Batalla de Cacheiras subiremos á Rede a publicación do libro 170º aniversario da Batalla de Cacheiras, e acompañaremos isto cunha lectura dramatizada do texto Aniversario, que Manuel Murguía escribira no xornal La Oliva, por Marina Nieto de Palabras Vivas, e o vídeo “Conectando coa batalla” narrado por X. M. Lema.

PICTOCONTO CON DAVID ORIHUELA (24 DE ABRIL)

Da man do artista plástico e animador sociocultural David Orihuela teremos un pictoconto, no cal, a través de debuxos e ilustracións feitos en directo, contará como Gato Chiky quedou atrapado nunha pompa de moco que sae pola fiestra e comeza unha singular aventura

CONTACONTOS CON PAULA CARBALLEIRA (25 DE ABRIL)

A nosa veciña de Oza, a escritora, contadora e actriz Paula Carballeira ofreceranos un conto en liña titulado 400 camelos, adicado a tódalas familias de Teo. Unha adaptación libre dun texto do autor angolano José Eduardo Agualusa.

LECTURA TEATRALIZADA CON LOIS BLANCO (26 DE ABRIL)

Pechará a semana do libro o noso veciño, o escritor, director e actor Lois Blanco que fará a lectura dramatizada do texto “Sen ir máis lonxe” de Roberto Vidal Bolaño (autor, director e actor teatral galego pioneiro da dramaturxia profesional en Galicia)

Read Full Post »

A Concellería de Cultura e Educación de Teo, presenta este ano por mor das circunstancias especiais provocadas polo estado de Alarma, un programa a distancia, a través de medios telemáticos para a semana do libro con título “UN LIBRO UNHA APERTA”.

Dito programa abarcará dende o día 20 ata o 26 de abril, e contará con varias actividades que queren poñer en valor o Día do Libro, e o Día da Batalla de Cacheiras. No noso concello conmemóranse as dúas efemérides o día 23 de abril, por unha banda o día do Libro, e por outra o Día da Batalla de Cacheiras, por coincidir este día co comezo da Batalla.

Nunca antes fora tan necesario e fundamental celebrar este día dun xeito tan especial, debido ás circunstancias que están a acontecer, é agora cando lembramos a importancia dos libros nas nosas vidas, e onde cobran máis sentido que nunca, facendo comunidade, e conectando ás familias lectoras nunha época, na que a lectura axuda a paliar o illamento e a soidade.

Por este motivo, enmarcamos esta semana baixo o lema UN LIBRO UNHA APERTA, co que pretendemos simbolizar o poder da lectura nestes momentos, e transmitilo como unha caricia á alma das persoas e dos libros, como aperta que nos proporciona un refuxio e nos da afecto, consolo, e ao mesmo tempo nos da liberdade e alas á nosa imaxinación.

O programa levarase a cabo coa colaboración de varios escritores, contadores e persoas relacionadas co mundo do libro e das bibliotecas, así como cas librerías do Concello.

Nas  seguintes redes sociais iremos publicando e actualizando os contidos:

Facebook: https://www.facebook.com/bibliotecas.municipais.deteo

Twitter: https://twitter.com/bibliosteo

Youtube: https://www.youtube.com/channel/UCKBI95wPtlBXkUqYI-51i3A

Read Full Post »

Bibliotecas Municipais da Coruña

Benvido ao blog das nosas bibliotecas

A Grileira

Blog das Bibliotecas Municipais de Teo

WordPress.com

WordPress.com is the best place for your personal blog or business site.