Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘Cursos e obradoiros’ Category

A continuación imos comentar un pouco as actividades que teremos nesta Semana do Libro. Agardamos que sexan interesantes para vós e axuden a levar un pouco este mellor este confinamento:

ESCOITANDO LIBROS

Trátase dunha selección feita pola Bibliotecas Municipais de Teo de recursos en liña para poder escoitar audiolibros de balde. O audiolibro pode definirse como, en principio, a conversión dun libro en papel en formato de audio. esta definición queda un pouco curta, xa que unha das características principais deste cambio de formato é que quen narra non se limita a unha lectura lineal do texto e debe imprimir emocións á voz narradora polo que os ointes adquiren niveis de realismo e de emocións que superan a velos, por exemplo, os representados nunha pantalla. Tamén resulta de moita utilidade a persoas con dificultades co idioma, con problemas de aprendizaxe ou de comprensión lectora…. permitindo unha accesibilidade ás obras literarias que doutro xeito terían máis complicado. Tamén inclúe algúns formatos que, sen ser estrictamente audiolibros, están moi preto (por exemplo ficcións sonoras, nas que un cadro de actores a actrices interpretan un texto solo coa voz e recursos sonoros).

XOGO DA BATALLA: ¿QUE SABES DA BATALLA DE CACHEIRAS?

Xogo creado pola Aula de Informática do Concello de Teo para poñer a proba os vosos coñecementos sobre a Batalla de Cacheiras que conmemoramos na mesma data que o Día do Libro.

Podes acceder aquí 

SORTEO “CAL É O TEU LIBRO FAVORITO?”

Este sorteo farase toda a semana en colaboración coas librerías teenses a través da páxina de Facebook das Bibliotecas Municipais de Teo. Consiste en que cada persoa, familia ou neno ou nena a través da publicación “¿Cal é o teu libro favorito?” dean me gusta e o mesmo tempo escriban o nome do seu libro favorito cun pequeno comentario. Para poder participar tedes que ser veciños de Teo con residencia no Concello. Temos 12 libros a repartir (1 por participante) .Cando remate a semana, se hai máis participantes que libros farase o sorteo a través dunha ferramenta online de xeito trasparente, aleatorio e automático.Unha vez teñamos os gañadores, faremoslle chegar os libros á casa. Anímate a participar porque os libros están agardando polos seus gañadores para chegar nesta época do confinamento directamente das librerías participantes ás vosas casas.

Cal é o teu libro favorito?

CONTACONTOS FAMILIAR CON LOLA E NEREA (20 DE ABRIL)

Para abrir a Semana do Libro en Teo (“Un libro: unha aperta”), Lola e Nerea contan un dos primeiros contos nos que colaboraron . Lola é unha mamá veciña de Balcaide, que xunto coa súa filla teñen un proxecto de libros infantís e contacontos cunha forte mistura de contido didáctico e lúdico (algúns deles foron autoeditados para seren empregados como material na clase de infantil de Nerea) . Un dos seus contos foi presentado nun libro colectivo en Aveiro (Portugal).
Tamén colaboran nun proxecto de Xavier Frías Conde para recadar fondos mediante un libro solidario (O canto da coruja) para a Casa Búho de Manabí (Ecuador) para converter un contenedor en biblioteca e sala de cinema para os cativos da zona e, ademais, teñen publicados varios microrrelatos no blog do escritor que podedes consultar en https://cantaelbuho.blogspot.com/2020/03/seis-microcuentos.html.
Lola comezou a escribir e ilustrarlle os contos a Nerea cando aínda era moi pequena para fomentarlle o gusto pola lectura e que lle servisen, ao mesmo tempo, para a súa formación. En pouco tempo, a cativa comezou a colaborar no proxecto coas súas suxestións, ideas e correccións primeiro, e máis adiante, dunha forma más activa na creación a catro mans dos textos coas súa nai que segue ilustrando.

OBRADOIRO DE MARCAPÁXINAS CON DAVID ORIHUELA (21 DE ABRIL)

Vídeo tutorial a cargo do artista plástico David Orihuela. Explicará como crear un marcapáxinas, sinalador, punto de lectura ou separador para os más pequenos que nos servirá para manter o punto exacto onde queda detida temporalmente a lectura dun libro e así poder voltar con facilidade. Empregará materiais moi sinxelos e que as familias poden ter pola casa.

LECTURA DRAMATIZADA DE MARINA NIETO (22 DE ABRIL)

Marina Nieto, de Palabras Viva fará a lectura de “Conto de María”, relato pertencente a Xente no rodicio , escrito por Neira Vilas.

POSTA EN LIÑA DO LIBRO CONMEMORATIVO DO 170 ANIVERSARIO DA BATALLA DE CACHEIRAS (23 DE ABRIL)

Co gallo da celebración do Día do Libro e do Día da Batalla de Cacheiras subiremos á Rede a publicación do libro 170º aniversario da Batalla de Cacheiras, e acompañaremos isto cunha lectura dramatizada do texto Aniversario, que Manuel Murguía escribira no xornal La Oliva, por Marina Nieto de Palabras Vivas, e o vídeo “Conectando coa batalla” narrado por X. M. Lema.

PICTOCONTO CON DAVID ORIHUELA (24 DE ABRIL)

Da man do artista plástico e animador sociocultural David Orihuela teremos un pictoconto, no cal, a través de debuxos e ilustracións feitos en directo, contará como Gato Chiky quedou atrapado nunha pompa de moco que sae pola fiestra e comeza unha singular aventura

CONTACONTOS CON PAULA CARBALLEIRA (25 DE ABRIL)

A nosa veciña de Oza, a escritora, contadora e actriz Paula Carballeira ofreceranos un conto en liña titulado 400 camelos, adicado a tódalas familias de Teo. Unha adaptación libre dun texto do autor angolano José Eduardo Agualusa.

LECTURA TEATRALIZADA CON LOIS BLANCO (26 DE ABRIL)

Pechará a semana do libro o noso veciño, o escritor, director e actor Lois Blanco que fará a lectura dramatizada do texto “Sen ir máis lonxe” de Roberto Vidal Bolaño (autor, director e actor teatral galego pioneiro da dramaturxia profesional en Galicia)

Read Full Post »

A Concellaría de Educación, Igualdade e Benestar organiza en colaboración coa Deputación de A Coruña unha serie de Obradoiros que se impartirán na Casa Común de Os Tilos (ao lado da Piscina Municipal). Estas actividades irán dirixidas a persoas maiores de 60 anos e persoas de máis de 50 anos (que sexan pensionistas). Os criterios para a selección serán:

  1. Persoas de maior idade
  2. Pensionistas de máis de 50 anos
  3. Persoas que on teñan asistido o ano anterior a esta actividades.

Programa de actividades

Se quedan vacantes, cubriranse con aquelas persoas que non pertenzan a estes colectivos, tendo preferencia as de máis idade e despois as persoas que non tivernan asistido no ano anterior.

Os obradoiros son os que seguen:

  • Activarte: Consiste en talleres dinámicos de expresión de calquera tipo (artístico, persoal, emocional…), para desnvolver a intelixencia emocional e as relacións interpersoais. Faranse exercicios que estimulen as facultades creativas e aprenderanse técnicas para dar forma ás creacións. Non é preciso ter coñecemento previo de ningunha disciplina artística. O horario será os martes e xoves de 11.00 a 12.00. Será de 15 prazas.
  • Bolillos: Os Mércores de 18:30 a 20:30 horas. Serán 10 prazas.
  • Manualidades: Os xoves de 17.00 a 19.00 horas. As prazas serán 15.

O prazo de inscrición será de 11 a 30 de abril podendose apuntar a través de Servizos Sociais (981 80 97 00) ou persoalmente no propio local en horario de tarde (16:30 a 20:30). O comezo das actividades será o 3 de maio.

Read Full Post »

O Pop na fin do mundo.

Esta vai ser unha semana de actividade intensa na Mediateca. O venres día 8, haberá unha charla que leva por título “A Pop na fin do mundo. Unha introdución ao Rock galego” a cargo de XavierValiño na que se tratará sobre este xénero musical na nosa terra. A charla irá acompañada dunha exposición con fotografías feitas polo propio autor en concertos ao vivo. Será a partir das 20:00 horas e a exposición estará aberta no horario de apertura da Mediateca.

Para o sábado poderemos desfrutar dun curso de Arrolos impartido por Ugia Pedreira e Rosa Bugallo. Achegamento a dez nanas galegas cantadas por Ugia Pedreira, con explicación sociolóxica e práctica en grupo.
Serán dez cantos de berce de autor e de composición propia coas que se fará unha análise antropolóxica e social sobre os valores expostos nos textos e nas melodías.  As persoas asistentes escoitarán a unha das voces máis recoñecidas da canción galega actual, aprenderán as melodías e as letras dunha selección de dez nanas do cancioneiro popular galego-portugués, ou outras coma “Nana para un amante” (Fuxan os Ventos), “Durme

Curso de arrolos

meu neno” (letra de Antón Avilés de Taramancos),…. Tratarase tamén o significado da voz e o seu poder emocional
tanto no útero como nos primeiros anos de vida. No fin do curso os pais e nais compoñerán a súa propia canción de arrolo para cantarllela aos seus pequenos. O curso consta de 4 horas en dúas sesións de 2 horas cada unha. A primeira sesión será o sábado 9 de abril de 11:00 a 13:00 e a 2ª sesión a determinar polos asistentes.
Para participar é necesario facer unha inscrición previa antes do 9 de abril, ben na Mediateca do Grilo ou no Departamento de Cultura, pois o aforo é limitado a 25 persoas. Pódelo facer persoalmente ou chamando ó 981806400 – 981815700 (ext:214) ou no enderezo electrónico: cultura@concellodeteo.com

Read Full Post »

Cartel de cursos para CELGA

Cartel de cursos para CELGA

O Concello de Teo, a través do Servizo de Normalización Lingüística, abre un prazo de preinscripción nos cursos CELGA, de lingua galega, ata o vindeiro 24 de febreiro.

O prazo de preinscripción ten como finalidade determinar se hai un número suficiente de demandantes que xustifique a realización do curso, xa que segundo establecen os requisitos da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Concello non poderá solicitar os cursos daqueles niveis nos que non se chegue ao 20 alumnos/as interesados/as.

Os cursos son gratuítos, teñen unha carga lectiva de 75 horas e comezarán no mes de abril rematando antes do 16 de xuño. O horario previsto é de luns a xoves de 20 a 22:30 horas e impartiranse no IES de Cacheiras.As persoas interesadas deben poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Teo, polos seguintes medios:

  • telefónicamente chamando ao 981 81 57 00
  • a través do enderezo electrónico politicalinguistica@concellodeteo.com
  • nas oficinas situadas no Centro Sociocultural da Ramallosa (xunta á Casa do Concello)

Deberán facilitar os seguintes datos:

  • nome completo
  • DNI
  • teléfono de contacto
  • nivel de curso CELGA que desexa cursar

Read Full Post »

Bibliotecas Municipais da Coruña

Benvido ao blog das nosas bibliotecas

A Grileira

Blog das Bibliotecas Municipais de Teo

WordPress.com

WordPress.com is the best place for your personal blog or business site.