Feeds:
Artigos
Comentarios

Día 24: Este domingo traemos dende Oza a Rocío Botana Iglesias.”Descubriu” a Historia no Colexio da Ramallosa da man da tan prezada mestra dona Florinda (Florinda Añón Vázquez) e, dende aqueles anos, tivo claro que quería ser historiadora, a pesares de non saber moi ben aínda o que significaba.
Tras obter a Licenciatura en Historia pola USC no ano 2004, o Diploma de Estudos Avanzados no 2006 e o doutorado en 2014 coa tese Pasaxe para América. Microhistoria da emigración galega a Ultramar na segunda metade do século XX: o caso da comarca de Compostela. Traballou na USC na Área de América da Facultade de Xeografía e Historia.
Dende o fondo local traemos “O movemento obreiro socialista na provincia de Lugo (1902-1936)” a primeira investigación histórica publicada sobre o movemento obreiro socialista na provincia de Lugo. Un proxecto de varios anos, levado a cabo por un equipo de investigación, onde se pretende aproximar ó público a un fenómeno tan relevante e interesante como é a conformación do sindicalismo.

Rocío Botana na Festa dixital das letras teenses

Chegou á Festa dixital da letras teenses o día no que se expoñen as letras máis retranqueiras do ano, as do Entroido, e neste caso concreto vamos a expoñer as dos atranques dos Xenerais da Ulla das nosas parroquias onde se celebraron este ano 2020 que foron as de Rarís, Reis e Santa María de Teo, xusto antes de entrar nesta situación tan complicada que estamos a vivir. Nese momento éramos libres de todo medo, e a veciñanza destas parroquias levaba adiante con moita alegría un ano máis este legado patrimonial e cultural que nos deixaron os nosos antepasados, e que forma parte da nosa identidade e ideosincrasia teense.
Neste apartado 1 vamos a poñer os atranques da parroquia de Rarís que tiveron lugar o domingo 9 de febreiro deste ano da man da veciñanza e da Asociación Cultural Pozo da Xerpa, día que por certo choveu moito o que impidiu que o entroido saira pola parroquia, pero non sacou as ganas para poder realizalos igual dentro da Casa Común. E aínda que non foron igual de vistosos sen as vestimentas as letras dos coros, comparsas e dos atranques feitas polos escritores e escritoras retranqueiros da zona luciron igual de fermosas e fachendosas nun día gris que sen dúbida o encheron de cores. Ahí vai o atranque ou alto deste ano de Rarís da man dos seus xenerais e xeneralas:

O atranque ou alto consiste en enfrontar aos Xenerais en parellas nunha poxa dialéctica en versos de burlas, sátiras e ameazas mutuas co acontecido
durante o ano a nivel de política e asuntos sociais, ata que ó final chegan á conclusión de que son veciñanza e polo tanto a irmandade e lealdade están por encima de todo, polo que rematan sempre asinando a paz e xuntando as súas espadas en sinal de amizade e camaradaría.

Neste apartado 2 vamos a poñer ao atranque de Reis baixo o paraugas da veciñanza e da Asociación Cultural O demo de Reis que aínda que o propio día 15 e 16 de febreiro choveulles trasladárono para o 8 de marzo, día que luciron as súas letras con todo o seu brío e explendor como podemos comprobar no seguinte vídeo:

Os entroidos das parroquias do Ulla percorren todo o día con entusiasmo as súas aldeas, pero o punto máis álxido e agardado chega entre o lusco e fusco, no campo da festa parroquial, no cal teñen lugar a
última actuación dos coros, das comparsas así como o evento máis agardado: o salto, alto ou atranque final dos Xenerais que ser reserva exclusivamente para este momento. Neste enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitan para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón, acontecidos durante o ano.

Neste apartado 3 vamos logo dar paso ao atranque da parroquia Teo, realizados pola veciñanza e a Asociación de Festexos O Carme de Teo, que tiveron lugar o sábado 22 de febreiro deste ano onde se mostran os Xenerais e Xeneralas engalanados e con voz propia que conforman a espectacularidade desta auténtica expresión do entroido tradicional da Ulla. Con eles pechamos esta homenaxe as asociacións e a veciñanza que manteñen vivo esta parte do noso patrimonio inmaterial que posúen as letras deste entroido rural do que temos testemuñas desde mediados do s. XIX. Agradecidos polo traballo destas tres parroquias que presentamos hoxe, e vai de seguido o último vídeo:

 

Día 23: Neste sábado a Festa dixital das letras teenses trae a nosa veciña de Oza: a escritora, contadora e actriz Paula Carballeira Cabana . Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e realizou o curso Especialización en Arte Dramática. Teoría e Práctica da Interpretación, que completaría con outros moitos impartidos por especialistas en distintas técnicas teatrais.

Foi profesora nos cursos de Animación á Lectura, organizados pola Dirección Xeral de Promoción Cultural da Xunta de Galicia (1994-1995) e presentou comunicacións de temas literarios, de animación á lectura e de narración oral en numerosos cursos e congresos.

Membro do consello de redacción da revista Tantágora (dedicada á narración oral) desde xaneiro de 2005 e membro do grupo de teatro Berrobambán desde 1997.

É autora de numerosas obras de teatro representadas por compañías como Berrobambán, Captatio Benevolentiae, Chévere, Eme-2, Ubú Teatro ou o Centro Dramático Galego. Traballou en series da TVG como Rías Baixas ou Libro de Familia e como contacontos ten participado en numerosos festivais por distintos lugares.

Contamos cun importante fondo das súas obras na nosa sección local. Hoxe rescatamos unha das súas últimas obras en literatura infantil, “Bruxa e familia” editado por Oqueleo . Poucas persoas saben os verdadeiros nomes das bruxas. Poucas persoas se atreven a descubrir os seus segredos. Este libro é para esas poucas persoas, as que escollen os camiños escuros, as que buscan os enigmas, as que non foxen das arañas, as que non lle teñen medo ao descoñecido, senón que o queren coñecer.

Vive en Oza dende 2011.

Paula Carballeira na Festa dixital das letras teenses

Para este día, traenos unha adaptación un conto popular chamado “Unha luz na noite oscura” no que se chama a atención sobre un costume galego que aínda permanece nalgúns lugares do rural: o de ter unha luz prendida na noite para que sirva de guía a quen vai polos camiños e que saiba que nesa casa terá acubillo en caso de necesidade. Dende Oza Paula traenos esta mensaxe de solidariedade nestes tempos difíciles e ademais lémbranos que na nosa cultura hai unha riqueza inmaterial digna de destacar. Imos logo co conto:

Día 22: Hoxe traemos a Ramón Villares, veciño de Raxó-Cacheiras dende 1996. Licenciouse en Filosofía e Letras, rama de Historia, na Universidade de Santiago de Compostela en 1973. En 1980 obtivo o título de doutor en Historia coa tese La evolución de las estructuras agrarias en la provincia de Lugo. Propiedad y rentas de la tierra, que mereceu o premio extraortdinario de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela e o premio á mellor tese en Filosofía e Humanidades presentada en España no 1980, outorgado pola Universidade Internacional Menédez Pelayo.

Dende 1987 é Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia entre 1986 e 1990, e reitor da Universidade entre 1990 e 1994 e presidente do Consello da Cultura Galega de 2006 a 2018. Foi membro fundador e Presidente da Asociación de Historia Contemporánea entre os anos 1996-2002, así como director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (1997-2002).
Desde 2006 é membro numerario da Real Academia Galega e tamén pertence a varios patronatos de centros e fundacións (Museo do Pobo Galego, Fundación Juana de Vega, Fundación Luis Seoane ou Centro Galego de Arte Contemporánea, entre outros.
En 2005 foi galardoado co Premio Fernández Latorre. En 2018 gañou o Premio da Cultura Galega de Proxección Exterior e en 2019 foi galardoado co premio Otero Pedrayo. En outubro de 2019 recibiu o Premio Mondoñedo 10 ao mellor ensaio en galego da década pola obra “Identidades e afectos patrios”, editado en Galaxia. E precisamente esta é a obra que traemos dende o noso fondo local. Os ensaios reunidos neste libro teñen un elo común, que é indagar sobre o proceso de creación e bloqueo da identidade galega e a formación dunha narrativa de Galicia como nación cultural. O obxectivo é descubrir valores, prácticas e símbolos que cohesionan unha comunidade, de modo que importan menos os feitos históricos e máis os procesos de construción deses símbolos e valores, nos que se advirten ademais momentos de mutación, de resignificación e dunha funcionalidade cambiante.

Ramón Villares na Festa dixital das letras teenses

 

E hoxe nas Festa dixital das Letras teenses, temos a asociación BolboreTea Fam Teenses Neurodiversidade
que ten como obxectivo a visibilizacion do Trastorno do Espectro Autista (TEA). Dende esta entidade dinnos que este obxectivo conséguese con información e educación, e para elo fannos unhas recomendaciós de lecturas de TEA. Despois de moito buscar case non atoparon libros en galego sobre este tema, polo cal animan dende esta asociación a escribir e a publicar máis sobre este tema, así como a editar libros para este colectivo. Tamen convidan ás bibliotecas, a contar con apartados de literatura TEA, algo que nos parece do máis interesante.
Entre as súas recomendacións para esta festa están:

Para público infantil “A verdadeira historia de carapuchiña vermella”. Editado por Kalandraka e co asesoramento da Asociación de Tratamiento del Autismo (BATA), o álbum rescata do folclore francés, esta versión de Carapuchiña agora accesible con pictogramas para que a frescura e a sabedoría dos contos da avoa chegue con toda a súa esencia ás persoas con necesidades de apoio educativo.

Para adultos: “Manual de resistencia autista “. Obra escrita por Mariano Grueiro , escritor galego, fotógrafo, cineasta, artista, activista cultural e autista. Fala sobre a súa resiliencia e sobre o papel dos adultos con autismo na sociedade española. Trátase dun ensaio escrito a modo de diario dende o punto do autor

Esperamos que desfrutedes coas súas propostas literarias.

Bolboretea na Festa dixital das letras teenses

 

Día 21: José Ramón Bouzas Camaño, nado en (Palmeira, Ribeira) en 1957. En 1979 comeza a traballar na emisora de radio Cadena SER, e en 1985 pasa á Cadena COPE. A finais dese mesmo ano, e tras a creación da Televisión de Galicia, incorpórase á televisión pública de Galicia, onde desenvolveu o seu labor profesional durante tres décadas, ao que lle sumou, entre 1986 e 1992 tamén a dirección e presentación de programas na Radio Galega. Durante os primeiros anos da súa carreira realizou programas de entretemento e magacíns, como Entre nós, Coa miña xente ou Espacio aberto. Foi coñecido sobre todo por dirixir e presentar o programa Encontros, onde se favorecía e filmaba o reencontro de familias de emigrantes galegos e dos seus parentes de Galicia. Na década de 2000 dedicouse sobre todo á produción e filmación de documentais como O Camiño Francés (2004), Historias de Compostela (2004), Jacinto Caamaño, o paso do Noroeste (2006), Encrucilladas (2007), Un mar de velas (2007) ou Paixón polo mar (2008). Vive en Teo.

Entre a súa bibliografía, traemos dende o noso fondo local Novos pasos por Bretaña é unha experiencia viaxeira que nos axudará a comprender mellor o mundo en que vivimos. Dende estas páxinas achegarémonos ás cruces de pedra e aos calvarios que Castelao debuxou; á maxia e ás lendas retratadas por Cunqueiro; sentiremos o mar navegando polas augas bretoas, falando con mariñeiros, sabendo das tradicións e historias de corsarios; coñeceremos os diferentes tipos de dolmens, menhires e aliñamentos; descubriremos a importancia dos relatos artúricos e do mago Merlín; inserirémonos na historia do ducado de Bretaña, que foi territorio independente ata hai pouco máis de douscentos anos. Pero, sobre todo, tal e como apunta o autor, este é un libro de viaxes que fala “de vivencias, de emocións, de sentimentos, para achegar subxectividade a unha paisaxe máis ou menos vista, a uns monumentos coñecidos, a unha historia e a unhas tradicións incluso manidas”. Como ben di tamén Pemón Bouzas: “A viaxe é do viaxeiro. O libro de viaxes pasa a ser a viaxe do lector, o seu primeiro achegamento ao destino elixido

Pemón Bouzas na Festa dixital das Letras teenses

A metade de semana, continuamos dentro Da Festa dixital das letras teenses cunha das asociacións que máis publicacións ten realizado e que máis letras escritas ten plasmado no papel: A Regionalista . Esta asociación leva dende o ano 1992 preocupándose pola idiosincrasia do noso pobo e plasmándoo en varios libros no cal neste vídeo-montaxe que nos envían fannos un percorrido por todos eles. Pasemos a descubrilos

 

 

 

Día 20: Hoxe traemos á autora Beatriz García-Turnes. Licenciada en Filoloxía Galega. Ten colaborado en publicacións como Grial, Verba ou Revista da UNED e presentado comunicacións en distintos congresos e seeminarios nacionais e internacionais con traballos sobre sociolingüística histórica, tema da súa memoria de licenciatura. A lingua galega entre 1875 e 1916. Situación social e consciencia idiomática (2004).

Como narradora de ficción deuse a coñecer moi nova ó ser premiada en dúas ocasións nos premios Minerva, convocados polo Colexio Manuel Peleteiro.Traemos a súa primeira novela Valdamor (2003) que foi premio Lecturas, promovido pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil.
Trátase dunha novela que se desenvolve nun mundo futuro, hipotético pero xa posible, no que a ciencia venceu á morte. Os privilexiados habitantes da Zona A teñen dereito á inmortalidade, pero estalles prohibido ter fillos. Un importante político está no cárcere por ter desobedecido esa norma fundamental. Alí vaino visitar Adela, unha psicóloga penitenciaria encargada de estudar as razóns desa conduta.

Beatriz García-Turnes na Festa Dixital das Letras teenses

Na Festa dixital das letras teenses damos paso de novo ao tecido educativo da man do CEIP A Igrexa Calo, onde nos envían unha video-montaxe realizado polo profesorado e alumnado deste colexo. Co nome de “Un conto de dragóns” preséntanos un traballo colaborativo levado a cabo por todos os nenos e nenas de todos os cursos dende os 3 anos ata sexto de Primaria, onde os debuxos e as letras toman protagonismo. Este conto rematárono de facer xusto antes do confinamento, e durantes estas semanas estiveron a montalo para amosarllo a toda comunidade teense. Animámosvos a descubrir pois esta historia de dragóns:

 

 

 

 

 

Día 19: O protagonismo vai hoxe para Arqueoloxía e as primeiras letras teense. Como autor lembramos, a Fernado Acuña Castroviejo, veciño moitos anos de Cacheiras e unha das figuras máis salientables da historia da Arqueoloxía en Galicia. Licenciado en Filosofía e Letras (Historia) no 1968 pola Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén se doutorou no 1973. Dende o ano 1987 foi Catedrático de Arqueoloxía na USC, posto ó que chegou despois de ser adxunto e de ter estancias como bolseiro en Roma, Bonn, Berlín e Lodz.

Ten realizadas numerosas escavacións en castros galegos e portugueses (O Neixón, Castro Real, Monte Mozinho, A Facha) e noutros xacementos medievais como os das Torres de Oeste, en Catoira, e o da Rocha Forte, en Compostela.

Como docente universitario dirixiu numerosas teses de licenciatura e de doutoramento e diferentes proxectos de investigación sobre a ocupación castrexa e plástica galaico-romana (Corpus Artis Gallaecia). Foi membro do claustro universitario, da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Historia e Director do Departamento de Historia I entre os anos 1986-1995 e 2003-2007.

Pertenceu a institucións como o Museo do Pobo Galego,a Real Academia Galega de Belas Artes, o Pedrón de Ouro e foi asesor de diferentes revistas.
Escribiu máis de 150 entre artigos, libros e folletos sobre a cultura castrexa, arte romana, epigrafía, numismática e arqueoloxía medieval.

Fernando Acuña Castroviejo na Festa dixital das Letras teenses

 

E para completar a nosa Festa dixital das letras teenses, ninguén mellor para complementar ó profesor Acuña que o Colectivo A Rula, incansables defensores dos noso patrimonio rupestre e que para este mes fan unha proposta moi especial: dar a coñecer as primeiras letras teenses. Aquí tedes o texto que prepararon…

Logo do Colectivo A Rula

No ano 1988 catro mil persoas participaron en Lampai na I Festa da Cultura de Teo. O pregoeiro foi o profesor e arqueólogo Fernando Acuña Castroviejo. Na súa intervención resaltou o importante pasado histórico desta parroquia do SO teense, que establece a fronteira natural coas Terras de Iria.

 

Os acontecementos presentes fixeron que as entidades asociativas e o tecido cultural teense volvan a unirse para celebrar esta “I Festa virtual das letras teenses” para “homenaxear e valorizar as letras de Teo”. O Colectivo A Rula quere aproveitar o convite para reivindicar tamén  os “primeiros escritos teenses” e outros vestixios culturais desta parroquia de Santa María de Lampai, tal como fixera o desaparecido e admirado profesor vedrés afincado en Teo.

Dende a súa orixe, as actuais terras teenses estiveron ligadas a Compostela, sendo protagonistas das antigas crónicas e lendas xacobeas. Foron escenarios de batallas cos viquingos, acubillo de raíñas e encrucillada de camiños históricos, que ata os trobadores composteláns citan nas súas cantigas (Cancioneiro de Joan Airas)

Porén, a parroquia de Lampai como a revista “Unión de Teo y Vedra” (UTV) sinalaba hai case un século “es la feligresía de Teo de más tradiciones históricas que pueden contribuir al esclarecimiento del pretérito de Galicia”. Boa mostra da fonda pegada do Medievo nesta parroquia son: A igrexa e mosteiro agostiño de Santa María de Lampai, construído en tempos de Xelmírez; a residencia dos arcebispos composteláns no lugar de “Vilar do Bispo” nomeada nas memorias do Cardenal del Hoyo (1609); ou o convento de San Paio na aba do Monte Beitureira, onde os Condes de Altamira recadaban os seus impostos ata o s. XVIII.

 

Ó referirnos a eses primeiros escritos teenses destacamos en “letras maiúsculas” os caracteres insculturados nos marcos da antiga “villae” de Pedrouso – Lampai, que delimitaban este terreo doado en 1156 polo monarca Alfonso VII (1105 – 1157) ó seu vasalo “Sancho Eanes” polos seus servizos. Doazón confirmada nun documento, asinado o 29 de novembro dese mesmo ano, que figura incluído no tombo B (folio 222) que custodia o arquivo – biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela.

O marco 1 do Couto de Lampai, o único dos catro coñecidos gravado por tres das súas caras, é o máis representativo deste acoutamento tan excepcional. Foi a principios do seculo XXI cando varios investigadores deron a coñecer estes marcos no ámbito académico, mais a veciñanza de Lampai xa facía “excursións” ás beiras do Rego do Tarrío e dos seus muíños para visitar esta pedrafita nos anos vinte e trinta do pasado século. Non coñecían o seu verdadeiro significado pero seguía a ser un fito importante na paisaxe da parroquia “hay vestigios de que por esta feligresía atravesaba una importante vía romana, en la línea divisoria del ayuntamiento de Teo con el de Padrón existe un miliar con inscripciones al parecer, visigóticas, que dan fe de esta vía” (UTV 1935, núm. 300)

O pasado ano o goberno municipal de Teo logrou conectar nunha ruta arqueolóxica os principais elementos patrimoniais das parroquias de Calo e Luou. Agora, A Rula propón crear unha nova ruta que recupere, vertebre e dea coñecer o legado medieval que atesouran as cinco aldeas de Lampai.

Alédanos participar neste programa, que recoñece a obra dos escritores teenses, e lembrar  estes primeiros textos teenses do marco de Lampai, herdanza dun monarca galego (Compostela, 1111) e posterior “imperator totius hispaniae” (León, 1154).

Día 18: Hoxe traemos a Enrique Raviña, Catedrático de Química Farmaceútica da Universidade de Santiago e natural de Cacheiras.

Foi decano da facultade entre os anos 1989 e 1995 e impulsou o Museo de Historia da Farmacia da facultade.O seu labor investigador centrouse no desenvolvemento de medicamentos depresores, antihipertensores ou antiinflamatorios do sistema nervioso central.

Publicou numerosos artigos relacionados coa química farmacéutica en revistas científicas internacionais.

É socio fundador da Sociedad Española de Química Terapéutica e correspondente da Real Academia Nacional de Farmacia. É membro de dÉtudes de Chimie Thérapeutique e da Division Medicinal Chemistry da American Chemical Society.

Dexou en doazón para as nosas bibliotecas unha das súas máis importantes: “Medicamentos un viaje a lo largo de la evolución histórica del descubrimiento de fármacos (Universidade de Santiago de Compostela). Como sinala a sinopse, este libro, estruturado en dous volumes e sete grandes apartados, constitúe unha rigurosa descrición histórico-evolutiva do descubrimento de medicamentos dende os primeiros tempos á actualidade. Ilustrado con numerosas fotografías de Premios Nobel e investigadores inclúe numerosas referencias ilustradas a medicamentos da posguerra e conta cun prólogo do Doutor José María Palacios.

Enrique Raviña Rubira na Festa dixital das Letras teenses

Seguimos coas recomendacións literarias dos libreiros de Teo no Mes das Letras dixitais teenses. Nesta ocasión dende a A Vagoneta Educativa ,Sonia deixanos as súas dúas recomendacións:
1. O BRANCO NON PINTA de Antía Otero (https://www.facebook.com/antia.otero.5) e a ilustradora María Brenn (https://www.facebook.com/MariaBrennMB/) publicado por Apiario na que a autora tamén é codirectora. Antía vive no noso Concello, é poeta con varios premios e tamén é actriz. Este albúm ilustrado infantil fainos reflexionar sobre as preguntas na infancia e o valor do branco coma cor, importancia que reforzan as ilustracións de María Brenn.

2. AMOR AMARGO de Xosé Antonio Perozo Ruiz https://www.facebook.com/perozoruiz) publicado en Auga Editora https://www.facebook.com/augaed/ ,editorial que creou xunto á tradutora Mercedes Pacheco. Residente no noso Concello, Perozo, xornalista, editor e escritor presenta neste libro xuvenil unha historia na que a través dos seus personaxes nos fai vivir situacións complicadas onde colle forza a violencia de xénero xuvenil. Unha historia moi dinámica a hora de lela con mestura narración e viñetas.

3. SER, CORAZÓN E BOCA de Claudia Castro (https://www.facebook.com/claudia.castro.98229) publicada en Medulia Editorial https://www.facebook.com/medulia.editorial.3 .Un libro de poesía dunha poeta e xornalista teense con varios premios en cretames de poesía
. Con esta obra gañou o Certame de Poesía Xosé Manuel López Ardeiro en 2017. Un Poemario no que en cada estrofa, en cada verso, en cada palabra nos transmite moitos sentimentos e emocións.

Recomendacións de A Vagoneta Educativa nas Festa das Letras Dixitais teenses

 

 

As BPM do Concello de Teo, reabren as portas a partir do día 18 de maio Durante a FASE 1 do desconfinamento, o horario de atención ao público, vai ser:

BPM do Grilo-Cacheiras: de luns a venres, entre as 10:00 e as 13:00 horas
.BPM – Os Tilos : de luns a venres, entre as 14:00 e as 18:45 horas.

SERVIZOS QUE SE VAN PRESTAR DURANTE A FASE 1 DO DESCONFINAMENTO:

1. DEVOLUCIÓN DE MATERIAIS PRESTADOS Farase preferentemente na caixa habilitada para tal función no recibidor da biblioteca.( Unha vez entregados, pasarán un período de corentena ( 14 días ) antes de volver aos andeis, para garantir a seguridade dos usuarios).

2. PRÉSTAMO A DOMICILIO Para evitar aglomeracions puntuais e garantir o distanciamento físico, realizarase baixo demanda con CITA PREVIA, mediante a solicitude por teléfono ou e-mail dos libros ou materiais que se precisen retirar.O persoal da biblioteca será o encargado de localizalos e entregalos ás/aos usuarios cando se acheguen á biblioteca para recollelos. NESTA FASE NON ESTÁ PERMITIDO O ACCESO ÁS COLECCIÓNS.

3. INFORMACIÓN BIBLIOGRÁFICA E BIBLIOTECARIA A faremos, preferentemente, a través dos medios habituais de comunicación telemática: telefono, correo electrónico e redes sociais.

SERVIZOS QUE NON ESTARÁN DISPOÑIBLES DURANTE A FASE 1 DO DESCONFINAMENTO :

– Actividades Culturais, actividades de estudo-lectura en sala, así como calquera outro servizo destinado ao público distindo dos mencionados nos puntos anteriores.
– Nesta fase, non estará permitido o acceso e libre circulación polas salas da biblioteca, excepto nosespazos delimitados para realizar a devolución e préstamo de materiais. Porén, non se poderá acceder á sala infantil, ás salas de consulta/estudo, nin ao servizo Internet.
– Tampouco se permitirá o acceso directo aos andeis onde se atopan as coleccións, os materiais só poderán ser retirados e entregados polo persoal bibliotecario.
– Restrínxese o acceso aos baños , ao non poderse garantir a súa hixienización despois de cada uso

PROTOCOLO A SEGUIR PARA ACCEDER Á BIBLIOTECA

– Como é lóxico, non poderán acudir ás bibliotecas as persoas que presenten síntomas ou estean en illamento domiciliario debido a un diagnóstico por COVID-19, ou que se atopen en periodo de corentena domiciliaria por estar en contacto con algunha persoa con síntomas ou diagnosticada de COVID-19.
– Os usuarios, deben entrar nas instalacións INDIVIDUALMENTE, agardando pola súa quenda no recibidor.
-No caso de nenos menores de 14 anos, deberán estar acompañadas por un adulto. ( Poderán acudir dúas crianzas máximo acompañadas por un adulto que se faga responsable delas ).
– Deberase manter unha distancia física de cando menos 2 m
– Recoméndase acudir CON MÁSCARA de protección facial
– Antes de entrar, os usuarios deberán desinfectar as mans empregando xel hidroalcohólico que atoparán nun dispensador colocado na entrada a tal fin.

CONTACTO / CITAS

Teléfono :
– mañá : 981 806 400
– tarde : 881 064 128

Correo electrónico:
mediateca@teo.gal
bibliotecatilos@teo.gal

Día 16: Na véspera das Letras Galegas, non podiamos esquecer ó Fillo adoptivo do noso Concello: o escritor, político e profesor Avelino Pousa Antelo. Despois de estudar no seminario de Santiago de Compostela, aprobou as oposicións de maxisterio no 1936. A Guera Civil impediulle optar a unha praza no ensino público e no ano 1948 faise cargo da Escola Agrícola de Granxa Barreiros de Sarria. Foi mestre e Técnico Agrícola do Laboritorio do Cabido Insular na Orotava en Tenerife e  director dunha empresa cooperativa gandeira en Zaragoza. En 1970 volve a Galicia como mestre en Pontecesures, onde permaneceu ata a xubilación.

Antes do 1936 foi membro das Mocidades Galeguistas coas que participou na campaña do Estatuto de Autonomía. No 1978 participou na constitución do novo Partido Galeguista do que foi elexido secretario xeral e pouco despois presidente ata 1983. Instalouse no Concello de Teo, nos Verxeis-Oza, no ano 1992. En recoñecemento do seu labor de animador sociocultural e pola súa colaboración coas distintas asociación, o Concello de Teo nomeouno fillo adoptivo no ano 2007.

No ano 2010, o Concello editou o libro “Cousas de animais e algo máis” que recolle algúns pequenos textos seus, publicados hai xa moitos anos. Son, máis que historias, sinxelas reflexións sobre algúns animais do noso contorno, as súas características e a súa presenza na literatura popular (refraneiro, coplas, …) Así, galiñas, burros, lebres,… “e algo máis”, amósanse nas verbas entrañables deste querido escritor, acompañados dunhas fermosas ilustracións de Óscar Villán (tamén veciño de Teo)

Avelino Pousa Antela na Festa Dixital das Letras Teenses

Chegamos na Festa dixital das Letras Teenses á véspera das Letras Galegas e farémolo co noso veciño, o escritor, director e actor Lois Blanco Araúxo que nos trae a lectura musicada do capítulo 4 da novela “A xente da barreira” de Ricardo Carballo Calero, que foi a primeira novela que se escribeu en galego na postguerra, pola década de 1940. Lectura con Lois Blanco Araúxo e música de Pol Oñate

 

 

Día 15: Xosé Luis Santos Cabanas é o escritor teense que recollemos hoxe. Veciño de Luou, mellor que poñela súa biografía recomendamos que consultedes a ficha na que está a estupenda autobiografía que fixera para a Exposición Libros de Aquí. Aconsellamos unha das obras que forman parte do fondo local das nosas bibliotecas “Conto para ler chovendo” da Editorial Toxosoutos estruturado en 17 capítulos, cada un cun resume do que imos ler, o andar do protagonista é unha viaxe iniciática á procura dun libro que contén tódalas historias escritas e por escribir, á procura do saber, desde a súa aldea até novas terras nas que vai descubrir, outras maneiras de ser e de vivir, de xeito que cando volte xa non será o mesmo rapaz de cando a deixou.

Xosé Luis Santos Cabanas na Festa Dixital das Letras Teenses

Continuamos na Festa das letras dixitais da man da Asociación teenses pola igualdade , que teñen a súa propia homenaxe ás letras co tan coñecido Certame de Poesía María Mariño que levan realizando bianualmente dende o ano 2007, que foi o ano en que se lle adicou o día das Letras Galegas a esta poetisa. As Teenses convídannos a desfrutar deste vídeo que fixeron co gallo destas letras, onde fan unha recollida das edicións deste certame durante estes anos e rematan coa lectura e recitado de varios poemas ben fermosos.

 

Bibliotecas Municipais da Coruña

Benvido ao blog das nosas bibliotecas

A Grileira

Blog das Bibliotecas Municipais de Teo

WordPress.com

WordPress.com is the best place for your personal blog or business site.