Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘Cultura de Teo’

Hoxe pechamos este Festeo tan particular polas circunstancias que vivimos. E que mellor colofón que o Xenerais da Ulla. Recollemos de forma extensa a celebración do Entroido desde ano. Primeiro cos atranques da parroquia de Rarís que tiveron lugar o domingo 9 de febreiro deste ano da man da veciñanza e da Asociación Cultural Pozo da Xerpa, día que ,por certo, choveu moito o que impidiu que o entroido saira pola parroquia, pero non sacou as ganas para poder realizalos igual dentro da Casa Común. E aínda que non foron igual de vistosos sen as vestimentas, as letras dos coros, comparsas e dos atranques feitas polos escritores e escritoras retranqueiros da zona luciron igual de fermosas e fachendosas nun día gris que sen dúbida o encheron de cores.

Continuamos co atranque de Reis baixo o paraugas da veciñanza e da Asociación Cultural O Demo de Reis que aínda que o propio día 15 e 16 de febreiro choveulles trasladárono para o 8 de marzo, día que luciron as súas letras con todo o seu brío e explendor como podemos comprobar no seguinte vídeo:

Rematamos co atranque da parroquia Teo, realizados pola veciñanza e a Asociación de Festexos O Carme de Teo, que tiveron lugar o sábado 22 de febreiro deste ano onde se mostran os Xenerais e Xeneralas engalanados e con voz propia que conforman a espectacularidade desta auténtica expresión do entroido tradicional da Ulla. Con eles pechamos este Festeo, recoñecendo ás asociacións e á veciñanza que manteñen vivo e activo o Concello de Teo. Agradecidos polo seu traballo vémonos no Festeo 2021

Read Full Post »

Este sábado traemos dúas asociacións moi implantadas na realidade do noso Concello en tarefas de igualdade e conciliación. A Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos intenta ofrecer dende a súa creación un espazo e un proxecto de encontro coa cidadanía. Destacando sempre, a súa maior aposta, que é ofertar a posibilidade de facer realidade unha Conciliación Familiar, Laboral e Persoal atendendo as necesidades dos diferentes colectivos, dende os máis cativos aos máis grandes cunha enorme capacidade de detectar e adatarse ás necesidades da sociedade.

E continuamos con Teenses pola Igualdade , asociación que tamén leva unha traxectoria dilatada tratando de acadar a participación social e política das mulleres ao obxecto de conseguir unha sociedade cada vez máis alonxada das inxustizas a tarvés de campañas de información e sensibilización que permitan recoñecer os valores positivos da igualdade, implicando especialmente nesta tarefa aos medios de comunicación e a todas as persoas nos aspectos positivos do reparto igualitario das obrigas familiares, profesionais e sociais e na busca dun sentido da igualdade no seu significado máis amplo. Das súas actividades podemos salientao Premio de Poesía María Mariño.

Read Full Post »

Comezamos a recta final do Festeo 2020. E facémolo da man das asociacións do noso Concello dedicadas ó traballo con persoas con diversidade funcional e TEA (trastornos del espectro del autismo). Traemos, en primeiro lugar a BolboreTEA, formado recentemente por nais con fillos e fillas diagnosticados con TEA. Están a traballar para visibilizar os problemas que levan padecendo polo descoñecemento xeral da xente que non acostuma a vivir con persoas diagnosticadas. Arrancaron cunha exposición moi interesante que puidemos desfrutar na BPM do Grilo-Cacheiras acompañada dunha charla dentro do programa Escola de Familias. Grazas por amosar outras realidades

 

E pechamos este venres do Festeo 2020 con Aspamite, asociación de longo camiño no Concello de Teo na mellora das condicións de vida das persoas afectadas por algunha discapacidade. Actualmente atende a 15 persoas no Centro Ocupacional e a 10 persoas no Centro de Día. Podedes ver o seu gran traballo nesta presentación que nos deixaron…

 

 

Read Full Post »

Día 25: Día 25: Non esquecemos hoxe traer outro autor dende o noso fondo local. É o mestre e poeta Xoán Xosé Fernández Abella, veciño do noso Concello dende 1991. Velaquí o resumo da súa biografía que el mesmo fixo para o catálogo elaborado para a Exposición “Libros de aquí 1ª Edición”.
“Viví en Ourense 20 anos, do 1946 ó 1966.Alí fixen case que todo bacharelato e toda a carreira de Maxisterio. Fun emigrante en Venezuela do 1966 ó 1972, en que traballei de vendedor. Colaborei en Irmandade, publicación da Hermandad Gallega de Venezuela, e tamén en Radio Difusora Venezuela no programa Sempre en Galiza, recitando poemas meus e alleos.
Casei en Venezuela no 1970 con Mercedes Álvarez Laje, mestra e pintora e tamén dalgúns artigos. Tivemos dous fillos, Juan Manuel e Mercedes. Quedei viúvo no 1991.
Teño colaborado en innumerables actos culturais, dado recitais, conferencias, mesas redondas, etc. Fun membro do Consello organizador da Universidade Popular de Ortigueira, etc.
A miña vocación é a poesía, a literatura, a lectura, etc, etc. Tamén me gustan os deportes, principalmente o fútbol.”
Da súa obra rescatamos “Poemas estradenses e catorce poemas máis” publicado por Edicións Fervenza no 2005, no que recolle parte da súa poesía.

Xoán Xosé Fernández Abella na Festa dixital das letras teenses

E o último luns da Festa dixital das letras teenses tócanos as recomendacións das librarías de Teo, neste caso veñen da man de Ana Mella da Librería d´Ana que deixa as súas recomendacións de lectura para este verán:

1.- AUGURIOS DE ACERO de Iago Blanco Otero
Comezamos cunha fantástica novela de fantasía publicada pola editorial Tandaia do noso veciño de Recesende Iago Blanco Otero, un mozo de 20 anos que cursa no grado de Historia na USC. Esta obra desenvolvese nun mundo de incríbles paisaxes, criaturas lendarias, multitude de historias e mitos dando pé a un gran crecemento imaxinativo por parte do lector. Unha estupenda recomendación para adolescentes que gusten da novela de fantasía èpica.

2.- LÁNZATE, PEPA de Paula Carballeira
Contínuamos cunha veterana como Paula Carballeira Cabana, coñecida veciña e escritora da parroquia de Oza, da cal presentamos o libro “Lánzate Pepa” da editorial infantil Triqueta Verde .Unha obra que nos deleita unha vez máis cunha divertida historia para coñecer un pouco máis a fauna e a flora das Illas Atlánticas a través da historia de Pepa, unha valente representante dos cormoráns moñudos, que demostra o alto que se pode chegar cando persegues os teus soños.

3.- IZAN O DA SACA de Xavier Quiroga
E por último “Izan o da saca”, unha novela de Xerais gañadora dos XXII Premios San Clemente no ano 2016 do escritor Xavier Quirogacon varios premios ás súas costas que nos deleita nesta novela negra mesturando realidade e ficción, coa mestría da súa madurez narrativa, Xabier Quiroga atrápanos nunha trama que, da man do Reiniña, o seu protagonista, remexe no escuro duns feitos agochados no pasado pero que sen remedio salpican o presente.

 

 

Read Full Post »

Día 24: Este domingo traemos dende Oza a Rocío Botana Iglesias.”Descubriu” a Historia no Colexio da Ramallosa da man da tan prezada mestra dona Florinda (Florinda Añón Vázquez) e, dende aqueles anos, tivo claro que quería ser historiadora, a pesares de non saber moi ben aínda o que significaba.
Tras obter a Licenciatura en Historia pola USC no ano 2004, o Diploma de Estudos Avanzados no 2006 e o doutorado en 2014 coa tese Pasaxe para América. Microhistoria da emigración galega a Ultramar na segunda metade do século XX: o caso da comarca de Compostela. Traballou na USC na Área de América da Facultade de Xeografía e Historia.
Dende o fondo local traemos “O movemento obreiro socialista na provincia de Lugo (1902-1936)” a primeira investigación histórica publicada sobre o movemento obreiro socialista na provincia de Lugo. Un proxecto de varios anos, levado a cabo por un equipo de investigación, onde se pretende aproximar ó público a un fenómeno tan relevante e interesante como é a conformación do sindicalismo.

Rocío Botana na Festa dixital das letras teenses

Chegou á Festa dixital da letras teenses o día no que se expoñen as letras máis retranqueiras do ano, as do Entroido, e neste caso concreto vamos a expoñer as dos atranques dos Xenerais da Ulla das nosas parroquias onde se celebraron este ano 2020 que foron as de Rarís, Reis e Santa María de Teo, xusto antes de entrar nesta situación tan complicada que estamos a vivir. Nese momento éramos libres de todo medo, e a veciñanza destas parroquias levaba adiante con moita alegría un ano máis este legado patrimonial e cultural que nos deixaron os nosos antepasados, e que forma parte da nosa identidade e ideosincrasia teense.
Neste apartado 1 vamos a poñer os atranques da parroquia de Rarís que tiveron lugar o domingo 9 de febreiro deste ano da man da veciñanza e da Asociación Cultural Pozo da Xerpa, día que por certo choveu moito o que impidiu que o entroido saira pola parroquia, pero non sacou as ganas para poder realizalos igual dentro da Casa Común. E aínda que non foron igual de vistosos sen as vestimentas as letras dos coros, comparsas e dos atranques feitas polos escritores e escritoras retranqueiros da zona luciron igual de fermosas e fachendosas nun día gris que sen dúbida o encheron de cores. Ahí vai o atranque ou alto deste ano de Rarís da man dos seus xenerais e xeneralas:

O atranque ou alto consiste en enfrontar aos Xenerais en parellas nunha poxa dialéctica en versos de burlas, sátiras e ameazas mutuas co acontecido
durante o ano a nivel de política e asuntos sociais, ata que ó final chegan á conclusión de que son veciñanza e polo tanto a irmandade e lealdade están por encima de todo, polo que rematan sempre asinando a paz e xuntando as súas espadas en sinal de amizade e camaradaría.

Neste apartado 2 vamos a poñer ao atranque de Reis baixo o paraugas da veciñanza e da Asociación Cultural O demo de Reis que aínda que o propio día 15 e 16 de febreiro choveulles trasladárono para o 8 de marzo, día que luciron as súas letras con todo o seu brío e explendor como podemos comprobar no seguinte vídeo:

Os entroidos das parroquias do Ulla percorren todo o día con entusiasmo as súas aldeas, pero o punto máis álxido e agardado chega entre o lusco e fusco, no campo da festa parroquial, no cal teñen lugar a
última actuación dos coros, das comparsas así como o evento máis agardado: o salto, alto ou atranque final dos Xenerais que ser reserva exclusivamente para este momento. Neste enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitan para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón, acontecidos durante o ano.

Neste apartado 3 vamos logo dar paso ao atranque da parroquia Teo, realizados pola veciñanza e a Asociación de Festexos O Carme de Teo, que tiveron lugar o sábado 22 de febreiro deste ano onde se mostran os Xenerais e Xeneralas engalanados e con voz propia que conforman a espectacularidade desta auténtica expresión do entroido tradicional da Ulla. Con eles pechamos esta homenaxe as asociacións e a veciñanza que manteñen vivo esta parte do noso patrimonio inmaterial que posúen as letras deste entroido rural do que temos testemuñas desde mediados do s. XIX. Agradecidos polo traballo destas tres parroquias que presentamos hoxe, e vai de seguido o último vídeo:

 

Read Full Post »

Día 23: Neste sábado a Festa dixital das letras teenses trae a nosa veciña de Oza: a escritora, contadora e actriz Paula Carballeira Cabana . Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e realizou o curso Especialización en Arte Dramática. Teoría e Práctica da Interpretación, que completaría con outros moitos impartidos por especialistas en distintas técnicas teatrais.

Foi profesora nos cursos de Animación á Lectura, organizados pola Dirección Xeral de Promoción Cultural da Xunta de Galicia (1994-1995) e presentou comunicacións de temas literarios, de animación á lectura e de narración oral en numerosos cursos e congresos.

Membro do consello de redacción da revista Tantágora (dedicada á narración oral) desde xaneiro de 2005 e membro do grupo de teatro Berrobambán desde 1997.

É autora de numerosas obras de teatro representadas por compañías como Berrobambán, Captatio Benevolentiae, Chévere, Eme-2, Ubú Teatro ou o Centro Dramático Galego. Traballou en series da TVG como Rías Baixas ou Libro de Familia e como contacontos ten participado en numerosos festivais por distintos lugares.

Contamos cun importante fondo das súas obras na nosa sección local. Hoxe rescatamos unha das súas últimas obras en literatura infantil, “Bruxa e familia” editado por Oqueleo . Poucas persoas saben os verdadeiros nomes das bruxas. Poucas persoas se atreven a descubrir os seus segredos. Este libro é para esas poucas persoas, as que escollen os camiños escuros, as que buscan os enigmas, as que non foxen das arañas, as que non lle teñen medo ao descoñecido, senón que o queren coñecer.

Vive en Oza dende 2011.

Paula Carballeira na Festa dixital das letras teenses

Para este día, traenos unha adaptación un conto popular chamado “Unha luz na noite oscura” no que se chama a atención sobre un costume galego que aínda permanece nalgúns lugares do rural: o de ter unha luz prendida na noite para que sirva de guía a quen vai polos camiños e que saiba que nesa casa terá acubillo en caso de necesidade. Dende Oza Paula traenos esta mensaxe de solidariedade nestes tempos difíciles e ademais lémbranos que na nosa cultura hai unha riqueza inmaterial digna de destacar. Imos logo co conto:

Read Full Post »

Día 22: Hoxe traemos a Ramón Villares, veciño de Raxó-Cacheiras dende 1996. Licenciouse en Filosofía e Letras, rama de Historia, na Universidade de Santiago de Compostela en 1973. En 1980 obtivo o título de doutor en Historia coa tese La evolución de las estructuras agrarias en la provincia de Lugo. Propiedad y rentas de la tierra, que mereceu o premio extraortdinario de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela e o premio á mellor tese en Filosofía e Humanidades presentada en España no 1980, outorgado pola Universidade Internacional Menédez Pelayo.

Dende 1987 é Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia entre 1986 e 1990, e reitor da Universidade entre 1990 e 1994 e presidente do Consello da Cultura Galega de 2006 a 2018. Foi membro fundador e Presidente da Asociación de Historia Contemporánea entre os anos 1996-2002, así como director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (1997-2002).
Desde 2006 é membro numerario da Real Academia Galega e tamén pertence a varios patronatos de centros e fundacións (Museo do Pobo Galego, Fundación Juana de Vega, Fundación Luis Seoane ou Centro Galego de Arte Contemporánea, entre outros.
En 2005 foi galardoado co Premio Fernández Latorre. En 2018 gañou o Premio da Cultura Galega de Proxección Exterior e en 2019 foi galardoado co premio Otero Pedrayo. En outubro de 2019 recibiu o Premio Mondoñedo 10 ao mellor ensaio en galego da década pola obra “Identidades e afectos patrios”, editado en Galaxia. E precisamente esta é a obra que traemos dende o noso fondo local. Os ensaios reunidos neste libro teñen un elo común, que é indagar sobre o proceso de creación e bloqueo da identidade galega e a formación dunha narrativa de Galicia como nación cultural. O obxectivo é descubrir valores, prácticas e símbolos que cohesionan unha comunidade, de modo que importan menos os feitos históricos e máis os procesos de construción deses símbolos e valores, nos que se advirten ademais momentos de mutación, de resignificación e dunha funcionalidade cambiante.

Ramón Villares na Festa dixital das letras teenses

 

E hoxe nas Festa dixital das Letras teenses, temos a asociación BolboreTea Fam Teenses Neurodiversidade
que ten como obxectivo a visibilizacion do Trastorno do Espectro Autista (TEA). Dende esta entidade dinnos que este obxectivo conséguese con información e educación, e para elo fannos unhas recomendaciós de lecturas de TEA. Despois de moito buscar case non atoparon libros en galego sobre este tema, polo cal animan dende esta asociación a escribir e a publicar máis sobre este tema, así como a editar libros para este colectivo. Tamen convidan ás bibliotecas, a contar con apartados de literatura TEA, algo que nos parece do máis interesante.
Entre as súas recomendacións para esta festa están:

Para público infantil “A verdadeira historia de carapuchiña vermella”. Editado por Kalandraka e co asesoramento da Asociación de Tratamiento del Autismo (BATA), o álbum rescata do folclore francés, esta versión de Carapuchiña agora accesible con pictogramas para que a frescura e a sabedoría dos contos da avoa chegue con toda a súa esencia ás persoas con necesidades de apoio educativo.

Para adultos: “Manual de resistencia autista “. Obra escrita por Mariano Grueiro , escritor galego, fotógrafo, cineasta, artista, activista cultural e autista. Fala sobre a súa resiliencia e sobre o papel dos adultos con autismo na sociedade española. Trátase dun ensaio escrito a modo de diario dende o punto do autor

Esperamos que desfrutedes coas súas propostas literarias.

Bolboretea na Festa dixital das letras teenses

 

Read Full Post »

Día 21: José Ramón Bouzas Camaño, nado en (Palmeira, Ribeira) en 1957. En 1979 comeza a traballar na emisora de radio Cadena SER, e en 1985 pasa á Cadena COPE. A finais dese mesmo ano, e tras a creación da Televisión de Galicia, incorpórase á televisión pública de Galicia, onde desenvolveu o seu labor profesional durante tres décadas, ao que lle sumou, entre 1986 e 1992 tamén a dirección e presentación de programas na Radio Galega. Durante os primeiros anos da súa carreira realizou programas de entretemento e magacíns, como Entre nós, Coa miña xente ou Espacio aberto. Foi coñecido sobre todo por dirixir e presentar o programa Encontros, onde se favorecía e filmaba o reencontro de familias de emigrantes galegos e dos seus parentes de Galicia. Na década de 2000 dedicouse sobre todo á produción e filmación de documentais como O Camiño Francés (2004), Historias de Compostela (2004), Jacinto Caamaño, o paso do Noroeste (2006), Encrucilladas (2007), Un mar de velas (2007) ou Paixón polo mar (2008). Vive en Teo.

Entre a súa bibliografía, traemos dende o noso fondo local Novos pasos por Bretaña é unha experiencia viaxeira que nos axudará a comprender mellor o mundo en que vivimos. Dende estas páxinas achegarémonos ás cruces de pedra e aos calvarios que Castelao debuxou; á maxia e ás lendas retratadas por Cunqueiro; sentiremos o mar navegando polas augas bretoas, falando con mariñeiros, sabendo das tradicións e historias de corsarios; coñeceremos os diferentes tipos de dolmens, menhires e aliñamentos; descubriremos a importancia dos relatos artúricos e do mago Merlín; inserirémonos na historia do ducado de Bretaña, que foi territorio independente ata hai pouco máis de douscentos anos. Pero, sobre todo, tal e como apunta o autor, este é un libro de viaxes que fala “de vivencias, de emocións, de sentimentos, para achegar subxectividade a unha paisaxe máis ou menos vista, a uns monumentos coñecidos, a unha historia e a unhas tradicións incluso manidas”. Como ben di tamén Pemón Bouzas: “A viaxe é do viaxeiro. O libro de viaxes pasa a ser a viaxe do lector, o seu primeiro achegamento ao destino elixido

Pemón Bouzas na Festa dixital das Letras teenses

A metade de semana, continuamos dentro Da Festa dixital das letras teenses cunha das asociacións que máis publicacións ten realizado e que máis letras escritas ten plasmado no papel: A Regionalista . Esta asociación leva dende o ano 1992 preocupándose pola idiosincrasia do noso pobo e plasmándoo en varios libros no cal neste vídeo-montaxe que nos envían fannos un percorrido por todos eles. Pasemos a descubrilos

 

 

 

Read Full Post »

Día 20: Hoxe traemos á autora Beatriz García-Turnes. Licenciada en Filoloxía Galega. Ten colaborado en publicacións como Grial, Verba ou Revista da UNED e presentado comunicacións en distintos congresos e seeminarios nacionais e internacionais con traballos sobre sociolingüística histórica, tema da súa memoria de licenciatura. A lingua galega entre 1875 e 1916. Situación social e consciencia idiomática (2004).

Como narradora de ficción deuse a coñecer moi nova ó ser premiada en dúas ocasións nos premios Minerva, convocados polo Colexio Manuel Peleteiro.Traemos a súa primeira novela Valdamor (2003) que foi premio Lecturas, promovido pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil.
Trátase dunha novela que se desenvolve nun mundo futuro, hipotético pero xa posible, no que a ciencia venceu á morte. Os privilexiados habitantes da Zona A teñen dereito á inmortalidade, pero estalles prohibido ter fillos. Un importante político está no cárcere por ter desobedecido esa norma fundamental. Alí vaino visitar Adela, unha psicóloga penitenciaria encargada de estudar as razóns desa conduta.

Beatriz García-Turnes na Festa Dixital das Letras teenses

Na Festa dixital das letras teenses damos paso de novo ao tecido educativo da man do CEIP A Igrexa Calo, onde nos envían unha video-montaxe realizado polo profesorado e alumnado deste colexo. Co nome de “Un conto de dragóns” preséntanos un traballo colaborativo levado a cabo por todos os nenos e nenas de todos os cursos dende os 3 anos ata sexto de Primaria, onde os debuxos e as letras toman protagonismo. Este conto rematárono de facer xusto antes do confinamento, e durantes estas semanas estiveron a montalo para amosarllo a toda comunidade teense. Animámosvos a descubrir pois esta historia de dragóns:

 

 

 

 

 

Read Full Post »

Día 19: O protagonismo vai hoxe para Arqueoloxía e as primeiras letras teense. Como autor lembramos, a Fernado Acuña Castroviejo, veciño moitos anos de Cacheiras e unha das figuras máis salientables da historia da Arqueoloxía en Galicia. Licenciado en Filosofía e Letras (Historia) no 1968 pola Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén se doutorou no 1973. Dende o ano 1987 foi Catedrático de Arqueoloxía na USC, posto ó que chegou despois de ser adxunto e de ter estancias como bolseiro en Roma, Bonn, Berlín e Lodz.

Ten realizadas numerosas escavacións en castros galegos e portugueses (O Neixón, Castro Real, Monte Mozinho, A Facha) e noutros xacementos medievais como os das Torres de Oeste, en Catoira, e o da Rocha Forte, en Compostela.

Como docente universitario dirixiu numerosas teses de licenciatura e de doutoramento e diferentes proxectos de investigación sobre a ocupación castrexa e plástica galaico-romana (Corpus Artis Gallaecia). Foi membro do claustro universitario, da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Historia e Director do Departamento de Historia I entre os anos 1986-1995 e 2003-2007.

Pertenceu a institucións como o Museo do Pobo Galego,a Real Academia Galega de Belas Artes, o Pedrón de Ouro e foi asesor de diferentes revistas.
Escribiu máis de 150 entre artigos, libros e folletos sobre a cultura castrexa, arte romana, epigrafía, numismática e arqueoloxía medieval.

Fernando Acuña Castroviejo na Festa dixital das Letras teenses

 

E para completar a nosa Festa dixital das letras teenses, ninguén mellor para complementar ó profesor Acuña que o Colectivo A Rula, incansables defensores dos noso patrimonio rupestre e que para este mes fan unha proposta moi especial: dar a coñecer as primeiras letras teenses. Aquí tedes o texto que prepararon…

Logo do Colectivo A Rula

No ano 1988 catro mil persoas participaron en Lampai na I Festa da Cultura de Teo. O pregoeiro foi o profesor e arqueólogo Fernando Acuña Castroviejo. Na súa intervención resaltou o importante pasado histórico desta parroquia do SO teense, que establece a fronteira natural coas Terras de Iria.

 

Os acontecementos presentes fixeron que as entidades asociativas e o tecido cultural teense volvan a unirse para celebrar esta “I Festa virtual das letras teenses” para “homenaxear e valorizar as letras de Teo”. O Colectivo A Rula quere aproveitar o convite para reivindicar tamén  os “primeiros escritos teenses” e outros vestixios culturais desta parroquia de Santa María de Lampai, tal como fixera o desaparecido e admirado profesor vedrés afincado en Teo.

Dende a súa orixe, as actuais terras teenses estiveron ligadas a Compostela, sendo protagonistas das antigas crónicas e lendas xacobeas. Foron escenarios de batallas cos viquingos, acubillo de raíñas e encrucillada de camiños históricos, que ata os trobadores composteláns citan nas súas cantigas (Cancioneiro de Joan Airas)

Porén, a parroquia de Lampai como a revista “Unión de Teo y Vedra” (UTV) sinalaba hai case un século “es la feligresía de Teo de más tradiciones históricas que pueden contribuir al esclarecimiento del pretérito de Galicia”. Boa mostra da fonda pegada do Medievo nesta parroquia son: A igrexa e mosteiro agostiño de Santa María de Lampai, construído en tempos de Xelmírez; a residencia dos arcebispos composteláns no lugar de “Vilar do Bispo” nomeada nas memorias do Cardenal del Hoyo (1609); ou o convento de San Paio na aba do Monte Beitureira, onde os Condes de Altamira recadaban os seus impostos ata o s. XVIII.

 

Ó referirnos a eses primeiros escritos teenses destacamos en “letras maiúsculas” os caracteres insculturados nos marcos da antiga “villae” de Pedrouso – Lampai, que delimitaban este terreo doado en 1156 polo monarca Alfonso VII (1105 – 1157) ó seu vasalo “Sancho Eanes” polos seus servizos. Doazón confirmada nun documento, asinado o 29 de novembro dese mesmo ano, que figura incluído no tombo B (folio 222) que custodia o arquivo – biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela.

O marco 1 do Couto de Lampai, o único dos catro coñecidos gravado por tres das súas caras, é o máis representativo deste acoutamento tan excepcional. Foi a principios do seculo XXI cando varios investigadores deron a coñecer estes marcos no ámbito académico, mais a veciñanza de Lampai xa facía “excursións” ás beiras do Rego do Tarrío e dos seus muíños para visitar esta pedrafita nos anos vinte e trinta do pasado século. Non coñecían o seu verdadeiro significado pero seguía a ser un fito importante na paisaxe da parroquia “hay vestigios de que por esta feligresía atravesaba una importante vía romana, en la línea divisoria del ayuntamiento de Teo con el de Padrón existe un miliar con inscripciones al parecer, visigóticas, que dan fe de esta vía” (UTV 1935, núm. 300)

O pasado ano o goberno municipal de Teo logrou conectar nunha ruta arqueolóxica os principais elementos patrimoniais das parroquias de Calo e Luou. Agora, A Rula propón crear unha nova ruta que recupere, vertebre e dea coñecer o legado medieval que atesouran as cinco aldeas de Lampai.

Alédanos participar neste programa, que recoñece a obra dos escritores teenses, e lembrar  estes primeiros textos teenses do marco de Lampai, herdanza dun monarca galego (Compostela, 1111) e posterior “imperator totius hispaniae” (León, 1154).

Read Full Post »

Older Posts »

Bibliotecas Municipais da Coruña

Benvido ao blog das nosas bibliotecas

A Grileira

Blog das Bibliotecas Municipais de Teo

WordPress.com

WordPress.com is the best place for your personal blog or business site.