Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘Festeo 2020’

Hoxe pechamos este Festeo tan particular polas circunstancias que vivimos. E que mellor colofón que o Xenerais da Ulla. Recollemos de forma extensa a celebración do Entroido desde ano. Primeiro cos atranques da parroquia de Rarís que tiveron lugar o domingo 9 de febreiro deste ano da man da veciñanza e da Asociación Cultural Pozo da Xerpa, día que ,por certo, choveu moito o que impidiu que o entroido saira pola parroquia, pero non sacou as ganas para poder realizalos igual dentro da Casa Común. E aínda que non foron igual de vistosos sen as vestimentas, as letras dos coros, comparsas e dos atranques feitas polos escritores e escritoras retranqueiros da zona luciron igual de fermosas e fachendosas nun día gris que sen dúbida o encheron de cores.

Continuamos co atranque de Reis baixo o paraugas da veciñanza e da Asociación Cultural O Demo de Reis que aínda que o propio día 15 e 16 de febreiro choveulles trasladárono para o 8 de marzo, día que luciron as súas letras con todo o seu brío e explendor como podemos comprobar no seguinte vídeo:

Rematamos co atranque da parroquia Teo, realizados pola veciñanza e a Asociación de Festexos O Carme de Teo, que tiveron lugar o sábado 22 de febreiro deste ano onde se mostran os Xenerais e Xeneralas engalanados e con voz propia que conforman a espectacularidade desta auténtica expresión do entroido tradicional da Ulla. Con eles pechamos este Festeo, recoñecendo ás asociacións e á veciñanza que manteñen vivo e activo o Concello de Teo. Agradecidos polo seu traballo vémonos no Festeo 2021

Read Full Post »

Este sábado traemos dúas asociacións moi implantadas na realidade do noso Concello en tarefas de igualdade e conciliación. A Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos intenta ofrecer dende a súa creación un espazo e un proxecto de encontro coa cidadanía. Destacando sempre, a súa maior aposta, que é ofertar a posibilidade de facer realidade unha Conciliación Familiar, Laboral e Persoal atendendo as necesidades dos diferentes colectivos, dende os máis cativos aos máis grandes cunha enorme capacidade de detectar e adatarse ás necesidades da sociedade.

E continuamos con Teenses pola Igualdade , asociación que tamén leva unha traxectoria dilatada tratando de acadar a participación social e política das mulleres ao obxecto de conseguir unha sociedade cada vez máis alonxada das inxustizas a tarvés de campañas de información e sensibilización que permitan recoñecer os valores positivos da igualdade, implicando especialmente nesta tarefa aos medios de comunicación e a todas as persoas nos aspectos positivos do reparto igualitario das obrigas familiares, profesionais e sociais e na busca dun sentido da igualdade no seu significado máis amplo. Das súas actividades podemos salientao Premio de Poesía María Mariño.

Read Full Post »

Comezamos a recta final do Festeo 2020. E facémolo da man das asociacións do noso Concello dedicadas ó traballo con persoas con diversidade funcional e TEA (trastornos del espectro del autismo). Traemos, en primeiro lugar a BolboreTEA, formado recentemente por nais con fillos e fillas diagnosticados con TEA. Están a traballar para visibilizar os problemas que levan padecendo polo descoñecemento xeral da xente que non acostuma a vivir con persoas diagnosticadas. Arrancaron cunha exposición moi interesante que puidemos desfrutar na BPM do Grilo-Cacheiras acompañada dunha charla dentro do programa Escola de Familias. Grazas por amosar outras realidades

 

E pechamos este venres do Festeo 2020 con Aspamite, asociación de longo camiño no Concello de Teo na mellora das condicións de vida das persoas afectadas por algunha discapacidade. Actualmente atende a 15 persoas no Centro Ocupacional e a 10 persoas no Centro de Día. Podedes ver o seu gran traballo nesta presentación que nos deixaron…

 

 

Read Full Post »

Para rematar o Festeo en liña desta semana contamos cunha cita moi agardada e moi especial como é a dos coros, corais e grupos de canto do noso Concello aos que lle queremos render unha homenaxe publicando a versión íntegra último Cantateo. No pasado decembro participaron neste encontro a  Coral A.C. Cruceiro do Monte, Coral San Simón de Cacheiras, Coro de San Miguel de Raríz, Coral Polifónica da S.R. de San Xoán de Calo e a Coral Polifónica da Mámoa de Luou, e o grupo de canto Aleceia guiados polo gran mestre de cerimonias e veciño de Rarís Esteban Fuentes.

Deixámosvos pois con este vídeo que é un bonito escaparate de talento local, e que recorda un día moi bonito para as corais participantes, pois foi un día cargado de moitas sorpresas e momentos inesquecibles. Agardamos poder vernos pronto de novo presencialmente nos escenarios para seguir desfrutando da festa das voces de Teo.

 

 

 

Read Full Post »

Neste sábado de Festeo 2020 o protagonismo pasa ás Bandas de Música. A Banda De Música Cultural de Teo interpreta para nós en multipantalla a celebrada canción da “Bella e a Bestia”. Nace esta asociación no ano 1989 da man de D. Gervasio Salgueiro Estévez  que forma no solfexo e na técnica instrumental a 19 rapaces de idades comprendidas entre os 10 e os 16 anos, que pasarán a denominarse “Banda de Música Cultural de Teo”, que fan a súa presentación o día 28 de Marzo do 1989 na Praza do Obradoiro.

E a Banda de SR San Xoán de Calo trae a interpretación que fixeron no Auditorio Constante Liste- A Ramallosa sa “Suite Helénica” do Mestre Pedro Iturralde. Desfrutade dun sábado musical coas nosas bandas…

 

 

 

Read Full Post »

No Festeo2020 desta semana, o venres está dedicado ás asociacións que traballan polo patrimonio. Comezamos con Colectivo A Rula , unha asociación co nexo común da súa paixón pola arte rupestre e a súa divulgación e protección no espazo natural que a rodea. O nome provén dun deses espazos máxicos que figuran aínda ocultos, pero que agardemos que en pouco tempo non só os membros do colectivo coñezan. Desfrutade do marabilloso vídeo que fixeron da Ruta dos Petroglifos

A Regionalista é un colectivo de persoas que dende o ano 1992 se ven preocupando polo carácter e a idiosincrasia do noso pobo percorrendo o territorio do noso paíse indo mais aló do que son as fronteiras políticas e xeográficas deste, xa que a cultura non sabe de fronteiras senón de persoas. Deixannos este vídeo a modo de presentación

 

 

Read Full Post »

Para rematar o Festeo en liña desta semana contamos con catro catro titáns de
asociacións do tradicional como son A Ponte Vella de Reis , A Mámoa de Luou , a S.R. de San Xoán de Calo e a Rosalía de Castro de Cacheiras , que nos mostrarán como sempre o seu talento no eido do folclore.

Damos paso xa a Asociación a A Ponte Vella de Reis que nos trae nesta ocasión unha  achega explicativa sobre o espectáculo de raíz “Galicia, terra de LENDA”. Esta actuación emerxe dun equilibrio entre o teatro, baile e música tradicionais, e nel cobra vida un seleccionado repertorio de lendas, crenzas e costumes da nosa terra. Neste vídeo podemos ver  unha reportaxe moi coidada e traballada sobre este proxecto tan interesante:

Continuamos coa A Mámoa de Luou da man do grupo de gaitas Suasebe dirixido por Edelmiro Fernández que nos traen  unha peza de autor: A Xota muxicas do gaiteiro xa falecido Nazario González tamén coñecido como Moxenas. Unha preciosa actuación  musical que foi gravada no confinamento  e que hoxe poderemos desfrutar aquí:

Dende a S.R. de San Xoán de Calo envíannos unha bonita representación da Muiñeira de Merexo interpretada polo grupo de baile Adail. Que non pare o baile nun día de festa como hoxe!

Poñemos o broche final deste domingo de Festeo coa actuación de Rosalía de Castro de Cacheiras que nos trae do seu grupo titular de baile a Jota de Lira, un Tango da Illa de Ons, a Moliñeira e Jota dos Ancares e a Muiñeira e maneo de Cabaleiros, catro pezas de baile que nos dan a despedida do Festeo deste fin de semana ata o vindeiro venres.

Read Full Post »

Abrimos o segundo día do Festeo coa asociación máis festivaleira a Asociación Cultural Lúa Chea e a máis revindicativa de todo Teo a  Plataforma Casalonga limpa de Resíduos.

A Asociación Lúa Chea organizadora do coñecido festival Música na Noite, que se celebra  cada primeiro fin de semana de xullo no campo de San Domingo na parroquia teense de Calo. Pero ademáis deste festival esta asociación organiza moitas actividades que son menos coñecidas pero igual de interesantes, entre unha delas están as andainas que fan polo roteiro da Batalla de Cacheiras das cales nos mandan un resumo neste vídeo:

A Plataforma Casalonga limpa de Resíduos é a siguiente protagonista deste día, unha entidade que leva dende o 2018 loitando de xeito forte e contundente en contra da pretendida implantación do proxecto da planta de reciclaxe da empresa Toysal na canteira da Casalonga. As actividades que levan feito son moi numerosas e  plásmanse nunha ampla axenda en forma de manifestacións, recollida de sinaturas,  pancartas,  campañas como a de “véndese”,  stands,  de berros polas estradas e polas rúas con cadeas humanas e andainas, das súas representativas camisetas, de debates electoriais, de centos de reunións, alegacións,  festivais,  concertos,  videoclips, etc ao ritmo das guitarras e de pateadas que se reflicten neste vídeo  que nos envían aquí cunha canción que teñen a modo de himno da plataforma Únete. Esta canción foi  creada polo grupo musical da Casalonga Deseqilibrio Mental . Vamos alá a escoitala e a ver o vídeo onde nos explican parte das cousas que fan:

Read Full Post »

Bibliotecas Municipais da Coruña

Benvido ao blog das nosas bibliotecas

A Grileira

Blog das Bibliotecas Municipais de Teo

WordPress.com

WordPress.com is the best place for your personal blog or business site.