Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘Marco de Lampai’

Día 19: O protagonismo vai hoxe para Arqueoloxía e as primeiras letras teense. Como autor lembramos, a Fernado Acuña Castroviejo, veciño moitos anos de Cacheiras e unha das figuras máis salientables da historia da Arqueoloxía en Galicia. Licenciado en Filosofía e Letras (Historia) no 1968 pola Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén se doutorou no 1973. Dende o ano 1987 foi Catedrático de Arqueoloxía na USC, posto ó que chegou despois de ser adxunto e de ter estancias como bolseiro en Roma, Bonn, Berlín e Lodz.

Ten realizadas numerosas escavacións en castros galegos e portugueses (O Neixón, Castro Real, Monte Mozinho, A Facha) e noutros xacementos medievais como os das Torres de Oeste, en Catoira, e o da Rocha Forte, en Compostela.

Como docente universitario dirixiu numerosas teses de licenciatura e de doutoramento e diferentes proxectos de investigación sobre a ocupación castrexa e plástica galaico-romana (Corpus Artis Gallaecia). Foi membro do claustro universitario, da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Historia e Director do Departamento de Historia I entre os anos 1986-1995 e 2003-2007.

Pertenceu a institucións como o Museo do Pobo Galego,a Real Academia Galega de Belas Artes, o Pedrón de Ouro e foi asesor de diferentes revistas.
Escribiu máis de 150 entre artigos, libros e folletos sobre a cultura castrexa, arte romana, epigrafía, numismática e arqueoloxía medieval.

Fernando Acuña Castroviejo na Festa dixital das Letras teenses

 

E para completar a nosa Festa dixital das letras teenses, ninguén mellor para complementar ó profesor Acuña que o Colectivo A Rula, incansables defensores dos noso patrimonio rupestre e que para este mes fan unha proposta moi especial: dar a coñecer as primeiras letras teenses. Aquí tedes o texto que prepararon…

Logo do Colectivo A Rula

No ano 1988 catro mil persoas participaron en Lampai na I Festa da Cultura de Teo. O pregoeiro foi o profesor e arqueólogo Fernando Acuña Castroviejo. Na súa intervención resaltou o importante pasado histórico desta parroquia do SO teense, que establece a fronteira natural coas Terras de Iria.

 

Os acontecementos presentes fixeron que as entidades asociativas e o tecido cultural teense volvan a unirse para celebrar esta “I Festa virtual das letras teenses” para “homenaxear e valorizar as letras de Teo”. O Colectivo A Rula quere aproveitar o convite para reivindicar tamén  os “primeiros escritos teenses” e outros vestixios culturais desta parroquia de Santa María de Lampai, tal como fixera o desaparecido e admirado profesor vedrés afincado en Teo.

Dende a súa orixe, as actuais terras teenses estiveron ligadas a Compostela, sendo protagonistas das antigas crónicas e lendas xacobeas. Foron escenarios de batallas cos viquingos, acubillo de raíñas e encrucillada de camiños históricos, que ata os trobadores composteláns citan nas súas cantigas (Cancioneiro de Joan Airas)

Porén, a parroquia de Lampai como a revista “Unión de Teo y Vedra” (UTV) sinalaba hai case un século “es la feligresía de Teo de más tradiciones históricas que pueden contribuir al esclarecimiento del pretérito de Galicia”. Boa mostra da fonda pegada do Medievo nesta parroquia son: A igrexa e mosteiro agostiño de Santa María de Lampai, construído en tempos de Xelmírez; a residencia dos arcebispos composteláns no lugar de “Vilar do Bispo” nomeada nas memorias do Cardenal del Hoyo (1609); ou o convento de San Paio na aba do Monte Beitureira, onde os Condes de Altamira recadaban os seus impostos ata o s. XVIII.

 

Ó referirnos a eses primeiros escritos teenses destacamos en “letras maiúsculas” os caracteres insculturados nos marcos da antiga “villae” de Pedrouso – Lampai, que delimitaban este terreo doado en 1156 polo monarca Alfonso VII (1105 – 1157) ó seu vasalo “Sancho Eanes” polos seus servizos. Doazón confirmada nun documento, asinado o 29 de novembro dese mesmo ano, que figura incluído no tombo B (folio 222) que custodia o arquivo – biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela.

O marco 1 do Couto de Lampai, o único dos catro coñecidos gravado por tres das súas caras, é o máis representativo deste acoutamento tan excepcional. Foi a principios do seculo XXI cando varios investigadores deron a coñecer estes marcos no ámbito académico, mais a veciñanza de Lampai xa facía “excursións” ás beiras do Rego do Tarrío e dos seus muíños para visitar esta pedrafita nos anos vinte e trinta do pasado século. Non coñecían o seu verdadeiro significado pero seguía a ser un fito importante na paisaxe da parroquia “hay vestigios de que por esta feligresía atravesaba una importante vía romana, en la línea divisoria del ayuntamiento de Teo con el de Padrón existe un miliar con inscripciones al parecer, visigóticas, que dan fe de esta vía” (UTV 1935, núm. 300)

O pasado ano o goberno municipal de Teo logrou conectar nunha ruta arqueolóxica os principais elementos patrimoniais das parroquias de Calo e Luou. Agora, A Rula propón crear unha nova ruta que recupere, vertebre e dea coñecer o legado medieval que atesouran as cinco aldeas de Lampai.

Alédanos participar neste programa, que recoñece a obra dos escritores teenses, e lembrar  estes primeiros textos teenses do marco de Lampai, herdanza dun monarca galego (Compostela, 1111) e posterior “imperator totius hispaniae” (León, 1154).

Read Full Post »

Bibliotecas Municipais da Coruña

Benvido ao blog das nosas bibliotecas

A Grileira

Blog das Bibliotecas Municipais de Teo

WordPress.com

WordPress.com is the best place for your personal blog or business site.