Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘música’

O departamento municipal de Cultura inicia mañá a programación de ‘Música nos Tilos 2012’, unha serie de actuacións en diversos venres do mes de xuño cunha selección dos mellores ritmos da música galega. Todas elas serán na biblioteca municipal dos Tilos, a partir das 22:30 horas.

O inicio deste ciclo é este venres 1 de xuño, coa actuación de Fred Martins e Ugia Pedreira. Os dous compositores presentarán o seu novo traballo ‘Acrobata’, un disco de autor que é “o resultado dunha conxunción artística natural xermolada tras un encontro entre os dous en Rio de Janeiro en 2008”, segundo aseguran. O novo disco inclúe creacións orixinais e propias de Martins e Pedreira, no que definen como “o mellor exemplo pop do achegamento da música popular brasileira coa música popular galega”.

O seguinte elo desta cadea de actuacións vaino protagonizar o dúo Fernández & Quintá, o 8 de xuño. Oscar e Carlos ofrecerán o seu espectáculo de zanfona e acordeón ‘A bailar!’. Xa o 22 de xuño, acudirá Germán Díaz e o seu ‘Método Cardiofónico’, unha actuación con trazos insólitos, ao ter como ritmo base latexos de corazón gravados e editados en vinilo nos anos corenta con fins médicos. E o 29 de xuño chegará o remate de ‘Música nos Tilos 2012’, coas ‘Coplas para Icía’ de Xabier Díaz, un traballo con folclore tradicional de 2007 previo á súa entrada no grupo Berrogüetto.

Read Full Post »

Adiantamos a programación cultural que se poderá desfrutar no Concello de Teo nos meses de Maio e Xuño.

Maio-Xuño Cultural

MAIO

  • Teatro para adultos: LIFE IS A PARIPÉ de Obras Públicas. (sábado 14, ás 21:00h no Centro Sociocultural da Ramallosa)

Espectáculo finalista na XIV edición do Premios Max representando á nosa comunidade na categoría do mellor espectáculo revelación. 2 Premios María Casares: á mellor actriz protagonista (Iolanda Muiños) e á mellor música orixinal (José Luis Prieto e Mos).

  • Andaina á beiras do Ulla (domingo 15 ás 10:00 h na Igrexa de Vilariño. Chegada ao mesmo punto á 17:30, aproximadamente).

Ruta ás Beiras do Ulla

O departamento de Deportes municipal organiza unha ruta de sendeirismo o próximo 15 de maio que terá como eixe central o río Ulla e os seus afluentes. A andaina é circular e está previsto percorrer unha distancia de algo máis de 22 quilómetros. A saída farase dende a igrexa de Vilariño, ás 10:00 horas e está previsto rematar sobre as 17:30 horas no mesmo punto.

Para participar nesta actividade non é preciso anotarse. Se decide participar a última hora é suficiente con que se achegue ó punto de saída o día e á hora prevista. Sen embargo dende o Departamento de Deportes recomendan comunicalo con antelación por teléfono (981 815 700) ou persoalmente na Casa do Concello na Ramallosa. A organización tamén informa de que os participantes deben levar a comida xa que se prevé parar na zona da Burga sobre as 14:00 horas para comer.

A ruta está planificada polo arquiveiro municipal, Pablo Sanmartín, unha das persoas que mellor coñece o rico patrimonio do Concello de Teo. Segundo explica el mesmo a ruta daralle protagonismo ó río Ulla e ós seus afluentes o río Pereiro e o Santa Lucía, e percorrerá o sur do Concello cun importante protagonismo de parroquias como Vilariño, Reis, Teo ou Lucí.

O responsable do arquivo municipal destaca que esta actividade permitiralle ós sendeiristas coñecer dous pazos de gran valor patrimonial. Un en Santa María de Teo, o Pazo de Noceda ou Casa dos Marqueses de Astariz, onde parece que tiveron lugar as primeiras xuntanzas plenarias do Concello. Neste pazo residiu ademais a única familia con título nobiliar de Teo, os Marqueses de Astariz, sendo un dos Marqueses alcalde teense entre os anos 1924 e 1929, D. Alejandro Torrado. Da arquitectura do pazo destaca o seu patio de armas, a súa galería sobre pilastras e a súa gran chimenea.

Durante a xornada a andaina fará incursións nos limítrofes concellos de Vedra e A Estrada. E será neste último, na parroquia de Couso, onde se poderá ver o pazo de Maíndo, o edificio que mellor pode testemuñar o esplendor da nobreza das terras de Vea. O pazo foi construído no século XII e reedificado no XVI pero aínda mantén restos da súa fábrica románica como os arcos da entrada con varios escudos nobiliarios.

A ruta deixará tempo tamén para ver a igrexa de San Cristovo de Reis, as casas grandes das aldeas de Valiñas, Pazos e o Calvario, as vistas do Pico Sacro ou os castros de Lucí e Santa Marta.

Actividade pensada para mozos e mozas a partir de 12 anos, a cargo de José Canosa (contrabaixista) e Juan Carlos Vázquez (pianista e compositor). A actividade comenza coa selección de textos poéticos rimados e con métrica de entres os libros dispoñibles na biblioteca. Unha vez elexidos musicaranse con acompañamento de piano, contrabaixo e as voces e as percusións dos participantes(os instrumentos de percusión serán facilitados polos músicos). Finalmente interpretaranse a xeito de concerto express. Para participar é necesario apuntarse previamente antes do 14 de maio directamente nas bibliotecas do Concello, no Departamento de Cultura ou chamando aos teléfonos 981 80 64 00 e 981 81 57 00(aforo limitado).

XUÑO

  • Programa Música nos Tilos: Najla Shami & Héctor Lorenzo (Venres 3 ás 22:30 horas no Parque dos Tilos)

Area e auga, de Teatro do Andamio

  • Programa Música nos Tilos: Jazzologia (venres día 10 ás 22:30 h no Parque dos Tilos)
  • Teatro Infantil-familiar: Leo e as estrelas de Zás-Candís! Teatro (sábado 11 ás 18:00 h no Centro Sociocultural da Ramallosa)
  • Programa Música nos Tilos: Aline Fraçao (venres 17 ás 22:30 h no parque de Os Tilos)
  • Contacontos Infantil: Contos que veñen de lonxe, de Vilano Produccións (sábado 18 ás 18:00 h na Mediateca do Grilo)
  • Programa Música nos Tilos: Xacobe Martínez Antelo Trío (venres 24 ás 22:30 h no Parque dos Tilos)

Read Full Post »

Iniciamos o regreso das mini-vacacións de Semana Santa con forzas renovadas… Esta semana teremos actividades culturais e deportivas interesantes, e tamén adianteremos algunha para vindeiras datas.

As silenciadas

Para comezar o venres 29 de abril ás 20:30, na Mediateca do Grilo, a Asociación A Oliveira proxectará o documental “As silenciadas” de Pablo Ces do que é director Pablo Ces, quen tamén elaborou o guión do filme, conxuntamente con Aurora Marco.
A profesora Aurora Marco levou adiante, durante cinco anos, un traballo de campo por toda Galicia, para coñecer de primeira man novas de mulleres, que foron protagonistas de feitos relacionados coa Guerra Civil de 1936 e coa guerrilla antifranquista. Se o franquismo intentou borrar da Historia os vencidos, no caso das vencidas, das mulleres, a nube que as oculta é, se cabe, moito máis espesa, nunha sociedade na que aínda campan os valores do machismo. Rachar este veo de silencio é o que se propuxo Aurora Marco coa súa investigación, que sairá en breve á luz, nun libro do que nos parece evidente o seu interese para todas e todos aqueles que queiran coñecer feitos históricos que se negaron, ocultaron ou manipularon.
Pablo Ces, o director, acompañou durante un ano a profesora Aurora Marco. Froito da colaboración entre eles os dous é o documental do que trata esta nota de prensa, que se vai proxectar en Teo o vindeiro 29 de abril. O filme achéganos a seis mulleres galegas, en representación doutras moitas, que deron soporte ao movemento guerrilleiro, e á represión que sufriron moitas por facelo. “É como unha película de espías pero a realidade, neste caso, supera a ficción”, explica o realizador, que defende que o papel deste colectivo foi “o máis importante e o máis perigoso” durante a represión. Temos a sorte de contar coa presenza de Pablo Ces, e tamén coa da profesora e investigadora Aurora Marco, que, neste acto, nos falarán deste filme e da memoria.

O Noso Gustok

Para o día 30, ás 21:30 horas, o Concello de Teo organiza este sábado “O noso Gustok”. Componentes das bandas da comarca de Compostela e do Concello interpretaran ” o seu xeito” as pezas máis emblemáticas do concerto de Woodstock do ano 1969. Todo isto nun enclave tan espectacular como é a carballeira de Francos.

O deporte queda para o día 1 de maio. O Concello de Teo recolle o testigo da Asociación Veciñal Raviña Valdés de Cacheiras e organiza a Carreira Pedestre Batalla de Cacheiras 2011 Concello de Teo que terá lugar o 1 de maio. Trátase dunha competición deportiva que se realiza dentro dos actos conmemorativos da Batalla de Cacheiras, que tivo lugar precisamente o 23 de abril de 1846.

A Concellería de Deportes organiza a carreira que contará co control técnico da Federación Galega de Atletismo (Delegación de Santiago). A proba, na que poderán participar atletas federados e non federados, comezará a partir das 11:00 horas e a secretaría da competición estará situada no Colexio da Ramallosa.

Para anotarse na carreira hai que enviar un correo electrónico a deportes@concellodeteo.com ou facelo persoalmente no departamento de Deportes municipal, na Casa do Concello -A Ramallosa-. Na inscrición hai que facer constar o nome e apelidos, data de nacemento completa, localidade de procedencia, clube e número de licenza federativa ou seguro escolar (se o ten), teléfono de contacto ou correo electrónico. O prazo para inscribirse remata o xoves 28 de abril ás 22:00 horas. Cabe destacar que non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido ou o día da proba. Para ter máis información telefónica pódese usar o número 981 815 700 e porse en contacto cos técnicos de deportes municipais.

Carreira Pedestre Batalla de Cacheiras

A saída da carreira farase dende o CEIP da Ramallosa. A partir da categoría junior (atletas nados entre 1993 e 1989) o circuíto será de 10.500 metros aproximadamente. As categorías de atletas máis novos, pitufos, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil -cadete- e xuvenil realizarán percorridos máis curtos que van entre o 200 metros e os 3.500 metros.

Sobre os premios e agasallos como norma xeral establécense para os tres primeiros clasificados das categorías participantes en mulleres e homes. Pero tamén haberá recoñecementos específicos para o participante máis novo e o máis veterano que rematen a carreira ou para o colectivo de Teo que achegue máis participantes ou o primeiro clasificado de Teo en cada categoría.

Firmas colaboradoras

O Concello agradece a colaboración de diversas firmas comerciais: Hotel Congreso, Restaurante San Martiño, Asador O Carmelo, Restaurante Novo Peteiro, Café-Bar Bustelo, Restaurante Canaletto, Casa Nerea, Casa Armando Blanco, Café-Bar Beto`s, Restaurante Pórtico, Restaurante Peteiro, Restaurante O Viñedo, Restaurante O Son do Miño, Restaurante Pazos Méndez, Parrillada A Doma, Café-Bar Santa Sede, Parrillada La Granja, Restaurante Avenida, Casa Neira e Café-Bar A Senra.

E queda un anuncio para próximas datas. O día 15 de maio, a Concellaría de Deportes organiza  unha ruta de sendeirismo que ten como protagonistas o río Ulla e os seus afluentes o río Pereiro e o Santa Lucía. A andaina percorre pola parte Sur do Concello con pequenas incursións nos Concellos de Vedra e A Estrada (xa en Pontevedra). Á marxe do patrimonio relacionado cos ríos coma as pontes (Ponte vella de Pontevea) e pontellas, pesqueiras, muiños… a ruta permitirá coñecer os sendeiristas dous pazos de gran valor patrimonial.

Sendeirismo á beira do Ulla

Por unha banda o Pazo do Noceda ou Casa dos Marqueses de Astariz en Santa María de Teo, onde se conta que tiveron lugar as primeiras xuntanzas plenarias do noso Concello, que adoptou o nome da citada parroquia. Neste pazo residiu a única familia con título nobiliar do Concello de Teo, os Marqueses de Astaríz. Un dos marqueses máis coñecidos foi D. Alejandro Torrado del Río, un dos alcaldes máis apreciados polos teenses (1924-1929). Un pazo que reflexa a influencia do barroco compostelá e lembra os pazos de Vedra, salienta o seu patio de armas, a súa galeria sobre pilastras e a súa gran cheminea.

Por outra banda, xa no Concello da Estrada e na parroquia de Couso imos visitar o pazo que mellor pode testemuñar -ademais de ser o máis antigo- o vello esplendor da nobreza das terras de Vea e a súas relacións co poder eclesiastico, o pazo de Maíndo. Foi construído no século XII, pero reedificado no século XVI, malia todo conserva restos da súa primitiva fábrica románica coma os arcos de entrada con varios escudos nobiliares. Coa súa reconstrucción perde o seu caracter de fortaleza militar e muda nunha casa grande de labranza onde residían os administradores do Pazo. Estivo vencellado os linaxes dos Bendaña e posteriormente cos Reino, Castro e Ximonde. Sábese que o Bispo de Mondoñedo, Alvaro Núñez de Isorna e Bendaña pasou a controlar a torre por concesión do arzobispado de Compostela. Tralo dominio dos Suárez de Reino, foi tamén a primeira residencia do Capitán Xeneral do reino de Galicia, Pedro de Cisneros, chegado de Castela. Finalmente no século XVII a través de varios enlaces familiares o pazo chega o control dos Ximonde (que residian no pazo de Ximonde en Vedra pero tiñan administradores no Pazo para o control das pesqueiras do Ulla). Como fito curioso sinalar que foi a residencia elexida polo xeneral Francisco Franco para aloxarse durante as súas visitas o Couto de Pesca do Couso. Na actualidade pertence a familia Lissarrague. O pazo pertence a parroquia do Couso onde naceu segundo a lenda a famosa bandoleira galega Pepa a Loba.

No camiño de regreso destacan a igrexa de San Cristovo de Reis, que aínda conserva algúns vestixios da primitiva construcción románica na súa ábsida rectangular, as casas grandes das aldeas de Valiñas, Pazos e o Calvario, as vistas do Pico Sacro e os castros de Lucí e de Santa Marta (na primeira parte do percorrido pasamos a rentes da súa muralla), o cruceiro de Samar, os muiños de Piñeiro e Freixeiro, etc…

Salientar tamén que a andaina atravesa espazos naturais protexidos polo actual PXOM (carballeira de Agromaior), e áreas de lecer coma a da Burga de Xermeade (fonte de augas sulfurosas) e a famosa área do Xirimbao coa súa ponte colgante.

Read Full Post »

O Pop na fin do mundo.

Esta vai ser unha semana de actividade intensa na Mediateca. O venres día 8, haberá unha charla que leva por título “A Pop na fin do mundo. Unha introdución ao Rock galego” a cargo de XavierValiño na que se tratará sobre este xénero musical na nosa terra. A charla irá acompañada dunha exposición con fotografías feitas polo propio autor en concertos ao vivo. Será a partir das 20:00 horas e a exposición estará aberta no horario de apertura da Mediateca.

Para o sábado poderemos desfrutar dun curso de Arrolos impartido por Ugia Pedreira e Rosa Bugallo. Achegamento a dez nanas galegas cantadas por Ugia Pedreira, con explicación sociolóxica e práctica en grupo.
Serán dez cantos de berce de autor e de composición propia coas que se fará unha análise antropolóxica e social sobre os valores expostos nos textos e nas melodías.  As persoas asistentes escoitarán a unha das voces máis recoñecidas da canción galega actual, aprenderán as melodías e as letras dunha selección de dez nanas do cancioneiro popular galego-portugués, ou outras coma “Nana para un amante” (Fuxan os Ventos), “Durme

Curso de arrolos

meu neno” (letra de Antón Avilés de Taramancos),…. Tratarase tamén o significado da voz e o seu poder emocional
tanto no útero como nos primeiros anos de vida. No fin do curso os pais e nais compoñerán a súa propia canción de arrolo para cantarllela aos seus pequenos. O curso consta de 4 horas en dúas sesións de 2 horas cada unha. A primeira sesión será o sábado 9 de abril de 11:00 a 13:00 e a 2ª sesión a determinar polos asistentes.
Para participar é necesario facer unha inscrición previa antes do 9 de abril, ben na Mediateca do Grilo ou no Departamento de Cultura, pois o aforo é limitado a 25 persoas. Pódelo facer persoalmente ou chamando ó 981806400 – 981815700 (ext:214) ou no enderezo electrónico: cultura@concellodeteo.com

Read Full Post »

Bibliotecas Municipais da Coruña

Benvido ao blog das nosas bibliotecas

A Grileira

Blog das Bibliotecas Municipais de Teo

WordPress.com

WordPress.com is the best place for your personal blog or business site.