Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for Maio 2011

O departamento municipal de Educación e Benestar ultima nestes días a programación de actividades de conciliación a desenvolver durante as vacacións escolares. Dende o final do curso escolar en xuño ata o seu comezo en setembro o Concello de Teo oferta programas como o Diverteo, o Verán animado ou os tradicionais campamentos de verán para nenos/as ou mozos/as.

Neste momento xa está aberto o prazo para anotarse no Diverteo Xuño que terá lugar nos últimos días de xuño, onde xa non hai clases. O Diverteo está dirixido a nenos/as de 3 a12 anos e faise nos tres colexios do Concello, nos Tilos, na Ramallosa e en Calo en horario de 08:00 a 14:00 horas.

O Verán animado é un programa similar ó Diverteo pero realízase centralizado na Ramallosa. O prazo para participar nesta actividade que se fará en xullo tamén está xa aberto ata o 17 de xuño. O Verán animado divídese nas dúas quincenas de xullo podendo participar segundo as necesidades nunha das dúas ou inscribirse nas dúas completando o mes. O horario tamén é de mañá.

Durante o mes de xullo tamén se realizará un campamento deportivo organizado pola Deputación da Coruña no Colexio Calvo Sotelo da Coruña. Os rapaces de entre 9 e 13 anos de Teo teñen 12 prazas ó seu dispor. Para poder participar deben entregar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello antes do 4 de xuño.

A información específica sobre cada programa, coas cotas de participación e prazos e lugares de inscrición poden consultarse premendo aquí ou no propio Concello, no departamento de Deportes (981 815 700).

Campamentos en agosto

Os campamentos infantil e xuvenil realizaranse en agosto e a inscrición abrirase entre o 25 de xuño e mediados de xullo. O campamento infantil está dirixido a cativos/as de entre 7 e 13 anos e desenvolverase no albergue de Santa Cruz de Oleiros entre o 4 e o 12 de agosto. Normalmente é das actividades do verán que conta con máis demanda e ten 100 prazas dispoñibles. O xuvenil está dirixido a rapaces/zas de entre 13 e 18 anos e terá lugar entre o 13 e o 24 de agosto con 50 prazas dispoñibles.

Read Full Post »

Adiantamos a programación cultural que se poderá desfrutar no Concello de Teo nos meses de Maio e Xuño.

Maio-Xuño Cultural

MAIO

  • Teatro para adultos: LIFE IS A PARIPÉ de Obras Públicas. (sábado 14, ás 21:00h no Centro Sociocultural da Ramallosa)

Espectáculo finalista na XIV edición do Premios Max representando á nosa comunidade na categoría do mellor espectáculo revelación. 2 Premios María Casares: á mellor actriz protagonista (Iolanda Muiños) e á mellor música orixinal (José Luis Prieto e Mos).

  • Andaina á beiras do Ulla (domingo 15 ás 10:00 h na Igrexa de Vilariño. Chegada ao mesmo punto á 17:30, aproximadamente).

Ruta ás Beiras do Ulla

O departamento de Deportes municipal organiza unha ruta de sendeirismo o próximo 15 de maio que terá como eixe central o río Ulla e os seus afluentes. A andaina é circular e está previsto percorrer unha distancia de algo máis de 22 quilómetros. A saída farase dende a igrexa de Vilariño, ás 10:00 horas e está previsto rematar sobre as 17:30 horas no mesmo punto.

Para participar nesta actividade non é preciso anotarse. Se decide participar a última hora é suficiente con que se achegue ó punto de saída o día e á hora prevista. Sen embargo dende o Departamento de Deportes recomendan comunicalo con antelación por teléfono (981 815 700) ou persoalmente na Casa do Concello na Ramallosa. A organización tamén informa de que os participantes deben levar a comida xa que se prevé parar na zona da Burga sobre as 14:00 horas para comer.

A ruta está planificada polo arquiveiro municipal, Pablo Sanmartín, unha das persoas que mellor coñece o rico patrimonio do Concello de Teo. Segundo explica el mesmo a ruta daralle protagonismo ó río Ulla e ós seus afluentes o río Pereiro e o Santa Lucía, e percorrerá o sur do Concello cun importante protagonismo de parroquias como Vilariño, Reis, Teo ou Lucí.

O responsable do arquivo municipal destaca que esta actividade permitiralle ós sendeiristas coñecer dous pazos de gran valor patrimonial. Un en Santa María de Teo, o Pazo de Noceda ou Casa dos Marqueses de Astariz, onde parece que tiveron lugar as primeiras xuntanzas plenarias do Concello. Neste pazo residiu ademais a única familia con título nobiliar de Teo, os Marqueses de Astariz, sendo un dos Marqueses alcalde teense entre os anos 1924 e 1929, D. Alejandro Torrado. Da arquitectura do pazo destaca o seu patio de armas, a súa galería sobre pilastras e a súa gran chimenea.

Durante a xornada a andaina fará incursións nos limítrofes concellos de Vedra e A Estrada. E será neste último, na parroquia de Couso, onde se poderá ver o pazo de Maíndo, o edificio que mellor pode testemuñar o esplendor da nobreza das terras de Vea. O pazo foi construído no século XII e reedificado no XVI pero aínda mantén restos da súa fábrica románica como os arcos da entrada con varios escudos nobiliarios.

A ruta deixará tempo tamén para ver a igrexa de San Cristovo de Reis, as casas grandes das aldeas de Valiñas, Pazos e o Calvario, as vistas do Pico Sacro ou os castros de Lucí e Santa Marta.

Actividade pensada para mozos e mozas a partir de 12 anos, a cargo de José Canosa (contrabaixista) e Juan Carlos Vázquez (pianista e compositor). A actividade comenza coa selección de textos poéticos rimados e con métrica de entres os libros dispoñibles na biblioteca. Unha vez elexidos musicaranse con acompañamento de piano, contrabaixo e as voces e as percusións dos participantes(os instrumentos de percusión serán facilitados polos músicos). Finalmente interpretaranse a xeito de concerto express. Para participar é necesario apuntarse previamente antes do 14 de maio directamente nas bibliotecas do Concello, no Departamento de Cultura ou chamando aos teléfonos 981 80 64 00 e 981 81 57 00(aforo limitado).

XUÑO

  • Programa Música nos Tilos: Najla Shami & Héctor Lorenzo (Venres 3 ás 22:30 horas no Parque dos Tilos)

Area e auga, de Teatro do Andamio

  • Programa Música nos Tilos: Jazzologia (venres día 10 ás 22:30 h no Parque dos Tilos)
  • Teatro Infantil-familiar: Leo e as estrelas de Zás-Candís! Teatro (sábado 11 ás 18:00 h no Centro Sociocultural da Ramallosa)
  • Programa Música nos Tilos: Aline Fraçao (venres 17 ás 22:30 h no parque de Os Tilos)
  • Contacontos Infantil: Contos que veñen de lonxe, de Vilano Produccións (sábado 18 ás 18:00 h na Mediateca do Grilo)
  • Programa Música nos Tilos: Xacobe Martínez Antelo Trío (venres 24 ás 22:30 h no Parque dos Tilos)

Read Full Post »